Diplomas e expedición á Coruña para poñer fin á Universidade Sénior en Carballo
CARBALLO
Susana Iglesias, adxunta á dirección deste programa da UDC, xa avanzou que haberá edición no 2026
27 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Un remate de dous días. Vén de concluír en Carballo unha nova edición da Universidade Sénior, programa formativo da UDC para maiores de 50 anos. O alumnado, un cento de persoas, asistiu o martes ao último relatorio, a cargo da docente Isabel Raposo, sobre saúde dende o exercicio terapéutico, e logo recibiu os seus diplomas.
Participaron da entrega a propia Raposo; a concelleira Mar Eirís; o alcalde, Daniel Pérez, e a adxunta á dirección da Universidade Sénior, Susana Iglesias, quen xa deixou dito que para o 2026 haberá nova edición —a cuarta— deste Programa para a Democratización do Coñecemento. Pérez, do seu lado, incidiu na alta participación e na fértil colaboración UDC-Concello, por esta e outras propostas.
Na segunda quenda da clausura, onte, o alumnado, dividido en dous grupos, realizou saídas culturais á Coruña, onde puideron coñecer o castro de Elviña e o Museo Arqueolóxico e Histórico, no castelo de San Antón. Na xornada da mañá contaron coa presenza da concelleira Maruxa Suárez.