Das mans ao corazón

Dolores Lema(*) O FARO

CARBALLO

22 dic 2025 . Actualizado a las 12:13 h.

Aartesanía da Costa da Morte ten alma. Os seus produtos posúen historia, emoción e identidade. Cada peza feita a man leva consigo tempo, paciencia e dedicación, conectando co corazón de quen a recibe. A súa calidade material e inmaterial fai dela algo inesquecible, un obxecto vivo e irrepetible.

Na Costa da Morte contamos cunha ampla variedade de artesanías; entre outras, podemos destacar o encaixe, a olería, o liño e o labor das redeiras. Nelas, a tradición e a vangarda conviven á perfección. No encaixe de Camariñas, por poñer un exemplo, atopamos elaboracións para todos os gustos: desde as máis tradicionais ata propostas contemporáneas e innovadoras. Dámos resposta a persoas de calquera idade e sensibilidade, garantindo que cada visitante ou agasallado poida atopar a peza perfecta, adaptada ao seu estilo e á súa personalidade.

A artesanía non só enriquece a experiencia de quen a recibe, senón que tamén fortalece á comunidade. As artesás e os artesáns transmiten coñecementos de xeración en xeración, xeran emprego, dinamizan o rural e axudan a fixar poboación. Para quen visita a comarca, é tamén unha forma de coñecer as nosas raíces e de levar un anaco da nosa cultura, creando un vínculo entre turismo, economía e tradición.

Regalar artesanía é apostar polo auténtico, xa que se trata de pezas únicas e exclusivas, ademais de apoiar ás mans que crean, preservar as tradicións e manter viva a cultura local. Cada elaboración artesanal reflicte unha forma de entender a vida baseada no respecto polos oficios herdados e polo valor do feito a man. Quen escolle estas pezas fai un consumo responsable, sostible e coherente cos valores da nosa sociedade. Co decorrer dos anos, incrementan o seu valor e convértense nunha prezada herdanza que legar ás xeracións futuras. Cada creación é un elo entre o pasado, o presente e o futuro.

Porque hai agasallos que morren co paso do tempo... e outros que viven para sempre. Ao regalar artesanía da Costa da Morte, regalas historia, beleza e alma.

(*)Dolores Lema é a directora da Mostra do Encaixe de Camariñas