O patrimonio arqueolóxico de Galicia é inmenso e disperso. Como castros, dólmenes ou templos están moi repartidos polo territorio, cando queres ter unha estratexia de posta en valor sempre atopas bos candidatos. Pensar nunha coordinación supramunicipal que evite que se repitan discursos, como pasa con frecuencia, mellorará o mantemento dos bens e a experiencia dos visitantes. Por iso os proxectos de parques arqueolóxicos (megalitismo, castros, arte rupestre) da provincia coruñesa son unha boa idea.
Porén, non está a ser doado sacalos adiante. Do diferente grao de desenvolvemento que están a ter cómpre tirar leccións que poidan cambiar as tornas. A máis evidente é que precisamos liderazgos que agora mesmo non hai. O parque do megalitismo debe contar cunha visión compartida ambiciosa e unha folla de ruta clara; con caras visibles que motiven as partes, practiquen a fontanería discreta precisa e transmitan á opinión pública a marcha dos proxectos. Cada concello ten a súa propia axenda e intereses e nestes parques, coma cos programas europeos, uns xúntanse con outros máis por conseguir financiamento que por unha visión compartida. E así non se dá avanzado. Sabemos tamén, polo parque de Compostela rupestre, xa en funcionamento, que tampouco abonda coa inauguración. Estes sitios arqueolóxicos deben ser dinamizados de xeito regular para que o proxecto no caia no esquecemento. E para iso os concellos non abondan: alguén debe ter unha estratexia e un calendario panorámico común.
Conectado con isto: nada espabila máis a un concello que compararse co veciño. Non creo que sexa preciso agardar a que toda a comarca teña feitos os deberes para inaugurar o Parque do Megalitismo. Arrincar con aqueles concellos que xa teñen en propiedade xacementos e cumpren coas condicións administrativas sería un incentivo para aqueloutros que van retrasados. A Costa da Morte ten monumentos prehistóricos abondos para que un proxecto destes teña éxito. E xa sabemos que o éxito é sempre o mellor reclamo.