Novas iniciativas de turismo mariñeiro | Santiago Pérez e Roberto Barcia guían cadanseu percorrido por Muxía e Laxe
08 sep 2026 . Actualizado a las 10:26 h.O paso de Santiago Pérez Haz e Roberto Barcia Toja —percebeiros á par que emprendedores do sector mariñeiro e hostaleiro— polos cursos de formación do proxecto Mar e Rías: Pesca & Turismo deu como resultado dúas novas propostas de turismo mariñeiro que enriquecerán a oferta experiencial da Costa da Morte ao tempo que contribuirán a poñer en valor as tradicións e actividades ligadas ao mar.
Impulsadas ambas da man do GALP Costa da Morte, a que deseñou Santiago Pérez Haz xa se desenvolveu onte e consistiu nun percorrido guiado pola Ruta dos Percebeiros de Muxía. Valéndose dos paneis informativos instalados ao longo do trazado, foilles explicando aos visitantes participantes —así como a peregrinos que se foron sumando ao longo da mañá— cuestións como o hábitat deste crustáceo, as técnicas de extracción ou a xestión sostible deste recurso. Tamén compartiu as súas propias vivencias no sector e convidou aos asistentes a unha visita e degustación final nas instalacións do seu proxecto AbruMar, un obradoiro no que deseña, dá forma e elabora produtos de mar.
«O percebe é un recurso, pero o traballo do percebeiro é cultura», reflexionaba onte Santiago ao remate da actividade. Explicou que lles falou aos participantes «das zonas das que saca o produto e dos procesos: apañas, levas á lonxa, alí clasifícase e despois mándase para poxa ou para venda directa», exemplificou. Os horarios das mareas non permitiron apreciar con detalle as rochas das que sae este manxar, pero, unha vez xa no local de AbruMar, Santiago deulles a probar produtos como xeado de algas con percebe ou o crustáceo ao natural, así como en paté. Tamén lles amosou ferramentas que ten a exposición, vídeos ou miniaturas para completar a experiencia.
Novas propostas
Santiago leva dende que completou o curso de Mar e Rías: Pesca & Turismo guiando visitas e percorridos pola vila, pero para o laxense Roberto Barcia Toja, a de hoxe, martes, ía ser a primeira vez que se embarcase en tal aventura. Non obstante, o mal tempo impediuno, co cal a iniciativa foi adiada a mañá, mércores 9 de setembro. Agarda este percebeiro —e emprendedor á fronte do hotel O Náutico de Laxe— que haxa máis oportunidades no futuro. «É unha boa iniciativa para darlle un pouquiño de movemento ao que hai aquí [...] nos meses de verán ou en épocas puntuais como a Semana Santa, nas que hai máis xente no pobo», expresa.
Na visita terán como punto de encontro o hotel O Náutico ás cinco da tarde, e procurará amosarlle aos participantes «como se traballa no mar e, máis concretamente, como se traballa o percebe», di. Compartirá con eles coñecementos e prácticas vinculadas á extracción do recurso, e explicaralles así mesmo de que xeito as mareas, o estado do mar e as características do litoral condicionan o traballo dos profesionais do sector. Ademais, falaralles aos asistentes «de todo o ecosistema que rodea ao percebe nas rochas», da comercialización e da cadea de valor deste produto, avanza Roberto.
Agarda que a proposta sirva para poñer en valor o traballo de profesionais coma el e para afondar na necesidade de coidar un recurso que é «sustento» para tantas familias, asevera, remarcando tamén que é fundamental acabar co furtivismo. «Notamos que o percebe é un produto que cada vez é máis demandado e a verdade é que está levando moi boa cotización. Quizais está subindo un 15 ou un 20 % cada ano», percibe Roberto.
A participación nesta actividade é totalmente gratuíta, mais require de inscrición previa, que pode realizarse no 618 32 00 33.