Pequenos e tradición, dous piares no programa larachés polo Día das Letras Galegas

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO/ LA VOZ

A LARACHA

Ailá actuará na Laracha o venres 16 de maio
Ailá actuará na Laracha o venres 16 de maio Sara Pardo

Citas para público infantil, un concerto, homenaxe aos maiores e clausura das actividades municipais: o que propón o Concello

04 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Divulgou este sábado o Concello da Laracha a súa programación en torno ás Letras Galegas, un cartel nutrido coa colaboración da Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia a través do programa Ler conta moito e tamén co apoio da Deputación da Coruña. Á vez que se rende homenaxe á poesía popular oral, como protagonista que é deste 17 de maio, tamén se festexerá o Ano Castelao.  

Citas para público infantil

A primeira será o sábado 10 de maio, teatro con Fantoches Baj e a súa obra Castelao: un corazón á intemperie. Ás 18.00 horas, na Casa da Cultura.

A seguinte parada neste eido virá o mércores 14, no centro sociocomunitario de Caión, tamén ás 18.00 e con Pablísimo: Monicreques e sombras chinesas.

Igualmente ás 18.00 do xoves 15, Bandullo azul chegará cos seus contos á Casa da Cultura: Os contos do gato.

Finalmente, o venres 16, á mesma hora na biblioteca de Paiosaco, será a quenda de narración oral e taller con Polo Correo do Vento: Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas.

Concerto

Proposta neste caso para público adulto. Ás 22.00 horas do venres 16 de maio, véspera do día grande, actuarán Ailá e Cantigas e Agarimos na Praza Les Sables d'Olonne. É de balde, como todo o resto.

Homenaxe aos maiores

O propio Día das Letras Galegas, 17 de maio, no pavillón do instituto Agra de Leborís.

Espectáculo de música e baile tradicional

Non podía faltar nunca, e menos este ano. Será ás 18.00 do domingo 18, na praza Les Sables d'Olonne, con Santa María de Torás, Arume de Caión e de Queiroga de Paiosaco.

Clausura de actividades municipais

Exposicións de manualidades, macramé, cerámica, tecido, encaixe, restauración e tapicería na Laracha, do 17 ao 20 de maio; en Paiosaco, do 23 ao 25; e en Caión, tamén do 23 ao 15. No que respecta á clausura das clases de teatro, haberá función infantil o venres 16 ás 20.30, na Casa da Cultura, e o sábado 17 ás 20.30 co grupo de adultos.