
A inauguración da mostra «Entre ángeles y aldeas» será este venres, ás 19.00 horas
07 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Inauguración o venres • Entre ángeles y aldeas vai ser a primeira exposición de Anomar, nome artístico de Ramona Pérez, mais os seus son xa máis de vinte anos «de exploración silenciosa» e de conformación dunha «peculiar linguaxe visual propia e chea de matices». Así o avanza o Concello da Laracha, dando conta da próxima inauguración desta mostra: será este vindeiro venres 9 de maio, ás 19.00, no centro sociocomunitario de Caión.
Ramona é natural da parroquia larachesa de Golmar, tamén residente nela, e profesional da organización e decoración de eventos. Artista autodidacta, profundamente arraigada á súa terra, o que este venres presentará é «unha mostra única que percorre 24 anos de creación íntima e persoal». A exposición está composta de pinturas, mais tamén de ferramentas de campo intervidas e mesmo de obxectos que evocan o Nadal. Segundo o Concello, «a obra transcende técnicas artísticas para centrarse na alma que as impulsa». Así, Entre ángeles y aldeas concíbese como «reflexo honesto das raíces da autora vinculadas ao campo da parroquia de Golmar», pero igualmente como «ventá aberta ás súas emocións máis profundas». Hai fantasía, hai simbolismo, hai pezas tanxibles. Logo da inauguración, a exposición poderá visitarse ata finais de maio: de luns a venres, entre as 17.00 e as 20.00 horas.
Festival de Humor
Cabe lembrar, doutro lado, que están á venda no Concello —10 euros— as entradas para o seguinte espectáculo do Festival de Humor: este venres, ás 22.00, cita con Fede Pérez na Casa da Cultura.