
O concerto de Xurxo Fernandes será o plato forte dunha xornada na que tamén estarán os Kilomberos de Monte Alto, o Duo Platino, Os Meliados e Asociación Cultural Queiroga
06 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Se as feiras da Laracha xa son recoñecidas a nivel autonómico pola calidade dos seus produtos de horta, Paiosaco acolle hoxe a máis importante de todo o ano. Así describe a concelleira de Festas, Patricia Bello, a Feira das Cereixas que terá hoxe a súa xornada principal, logo de que onte abrise a programación cunha verbena a cargo da orquestra Kubo e a Disco Móvil Impacto. Tamén onte se celebrou o Aberto das Cereixas, de billarda, que impulsou o club local Campo da Feira.

Unha das dúas Festas de Interese Turístico de Galicia que ten o Concello —a outra é a dos Milagres de Caión— segue mantendo a súa esencia feirante. Ata Paiosaco chegarán hoxe cereixas e comerciantes de moitos puntos de Galicia, ata do Bierzo. «É a feira máis animada do ano, sabemos que van vir incluso algunhas excursións en autobús que despois pasarán a tarde polo municipio, o que nos confirma que isto, ademais de ser un referente cultural, tamén o é para o turismo», explicou Patricia Bello.
A programación musical estará ben cuberta durante todo o día pola feira. Comezarán os Kilomberos de Monte Alto coa súa batucada, ás 12.00 horas, e será o Dúo Platino o encargado da sesión vermú. Ás 20.00 horas, actuará a Asociación Cultural Queiroga, e ás 21.30 horas, Os Meliados. O prato forte chegará a partir das 22.30 horas, co concerto de Xurxo Fernandes, que dará paso a sesión de fogos de artificio.
O Concello terá o seu posto aberto dende as 10.00 horas, e alí os visitantes poderán obter información turística o degustar varios pratos ca cereixa como gran protagonista grazas a un foodtruck. Ademais, haberá un obradoiro para publico familiar, onde se explicará o proceso de cultivo e recollida. Será ás 11.00 horas.
Paiosaco e A Laracha xa saborean unha das festas máis especiais do ano.