A Laracha lanza as súas Andainas de Outono

La Voz CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

Ana García

O próximo martes abriranse as inscricións, de balde

12 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello da Laracha abrirá o próximo martes a inscrición para participar na nova edición do programa municipal Andainas de Outono, que inclúe tres rutas a realizar por espazos naturais da Laracha e outros municipios próximos. O propósito é ofrecer á cidadanía unha proposta de aproveitamento do tempo libre e, ao mesmo tempo, potenciar os estilos de vida saudables coa promoción da actividade física, explican dende o goberno.

A primeira cita será o domingo 26 deste mes coa ruta da parroquia de Montemaior As pegadas do Bradoso, incluída en A Laracha Activa e homologada pola Federación Galega de Montañismo. Os participantes realizarán un percorrido circular de 7 quilómetros e dificultade moderada bordeando o río. Ao longo do camiño, ademais de desfrutar do fermoso entorno fluvial, tamén descubrirán os restos de nove muíños de auga.

O día 16 de novembro, os camiñantes desprazaranse ata os termos municipais de Coirós e Betanzos para percorrer os Sendeiros do Mandeo, con oito quilómetros de distancia e dificultade baixa.

A terceira e última andaina será Baixo as carballeiras de Zas por entornos naturais dese municipio o 23 de novembro. A distancia a cubrir a pé será de 12 quilómetros nun percorrido de dificultade baixa.

En todos os casos, o autobús partirá desde a Praza Les Sables d’Olonne ás 9.30 horas, mesmo lugar ao que regresará ao remate da actividade. As prazas son limitadas e terán prioridade na inscricións as persoas —de calquera idade— empadroadas na Laracha. Anotarse é de balde e pode facerse presencialmente na Casa da Cultura, chamando ao 981605001 ou en liña cubrindo o formulario que estará dispoñible na web e nas redes sociais municipais.