
O Concello de Cabana presentou actividades para os próximos tres meses co megálito como centro de interese
18 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Coa Carreira Popular Dolmen de Dombate abrirase o día 26 o Outono do Patrimonio, unha proposta, lúdica, cultural e deportiva que o Concello de Cabana pon de novo en marcha arredor do megálito. Onte presentouse un programa con algunhas novidades como o aproveitamento da ponte da Constitución para mellorar o atractivo turístico do municipio con rutas de pinchos e ofertas en aloxamentos.
Os puntos de interese, ao marxe do omnipresente dolmen do chan de Borneiro, son as marismas do Anllóns, desde o punto de vista ornitolóxico e deportivo, e A Cidá, que realmente será accesible ás persoas con mobilidade reducida. O alcalde, José Muíño, destacou a importancia que teñen os actos organizados de todo tipo en torno ao dolmen para dar a coñecer a catedral da arte rupestre galega. Lembrou que na carreira do ano pasado rexistráronse centos de visitas ao pavillón ideado por Francisco Vidal. Explicou Xosé Muíño que viron o dolmen persoas que van ás carreiras galegas, pero que nunca terían vido a Cabana só polo megalistismo. O mesmo ocorre cos concertos, que tamén haberá.
Xosé María Varela destacou a importancia de atraer aos nenos ata a arte prehistórica, porque son visitantes que volven, e lembrou que o obxectivo das actividades é precisamente dar a coñecer o rico patrimonio cabanés e que neste traballo é fundamental o convenio coa Deputación. Na presentación participaron os traballadores implicados.
Os actos, un a un
DOMINGO, 4 DE OUTUBRO
Aves. Co gallo do Día Mundial das Aves haberá unha xornada de observación dirixida polo ornitólogo José Luis Rabuñal no miradoiro que leva o seu nome. Os rapaces participantes recibirán unha guía.
VENRES 16 E SÁBADO 17 DE OUTUBRO
Vela. A mocidade de Cabana terá a oportunidade de participar nunha proposta imaxinativa que inclúe o uso do albergue xuvenil. Os profesores Carlos Conde e Luís Giadás son os coordinadores.
XOVES 22 DE OUTUBRO
Casa dos títeres. Cúmprense dez anos da apertura da escola infantil e haberá unha festa coa presenza de Xosé Neira Vilas, que foi o padriño na apertura. Caramuxo Teatro representará unha obra para os pequenos.
SÁBADO 24 DE OUTUBRO
Cines rurais. No local social de Anos vaise facer memoria do que eran os antigos cines rurais. O Concello do Cabana, dentro do programa Outono do Patrimonio, proxectará a película Monstruos University.
DOMINGO 8 DE NOVEMBRO
Música no dolmen. O acordeonista e director da Escola de Música de Cee, Fernando Fraga, vai presentar en Dombate Folcromías, o seu primeiro disco. Estará acompañado do gaiteiro Óscar Ibáñez.
MÉRCORES 11 DE NOVEMBRO
Romaría en Dombate. Actividade especialmente pensada para os nenos, con percorrido en tren e castañeiro. Haberá sesión de conta contos con Anxo Moure e animación musical do home orquestra Ce Pantasma.
DOMINGO 15 DE NOVEMBRO
Lendas. Ángel Eiroa será o encargado de guiar aos participantes na ruta do Pozo d?Orca ao castro de San Brais do Folgoso. Haberá despois animación con lendas da zona e música de acordeón. Colabora a asociación de Riobó.
DOMINGO 22 DE NOVEMBRO
Regueifa. O campo do Briño acollerá unha xornada con visita guiada á capela, por Luís Giadás e unha regueifa con Pinto d?Herbón, Xairo e outros de Bergantiños e Soneira. Colabora entidade Lúa Chea de Borneiro.
XOVES 3 DE DECEMBRO
Accesos ao castro. O Día Internacional das Persoas con Discapacidade inauguraranse os novos accesos ao castro de Borneiro. Participarán a asociación Íntegro, o centro de maiores e alumnos do colegio As Revoltas.
PONTE DA CONSTITUCIÓN
Artesanía e gastronomía. Para atraer aos visitantes haberá obradoiros de artesanía en Dombate, rutas de pinchos en Neaño e Canduas e menús e ofertas especiais nos establecementos de hostelería do municipio.
SÁBADO 12 DE DECEMBRO
Estrelas no inverno. O Concello de Cabana repetirá a contemplación de estrelas que tanto éxito tivo anteriormente. Os participantes poderán ver as Xemínidas a través dun telescopio. Colabora a Ío de A Coruña.
SÁBADO 19 DE DECEMBRO
Premios Dombate.O centro arqueolóxico vai ser de novo o esceario da entrega dos premios Dombate, as persoas e entidades que foron e son importantes na cultura de Cabana. Será o peche do programa de outono.