Matilde Vilariño, un convite para hoxe

Beatriz Romero

CABANA DE BERGANTIÑOS

Jose Manuel Casal

10 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe, sábado 10 de novembro, o auditorio do concello de Cabana acolle a presentación da obra Poemas que non foron ao lume, de Matilde Vilariño. O acto está previsto para as 17.00 horas e agárdase a presenza de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, e Omar Rabuñal, que proxectará a peza No mellor da vida, na que figura a autora.

Matilde Vilariño Pose (1944, Dombate) non lembra cando comezou a escribir poesía. Xa antes de aprender a escribir, na escola de Canduas, gustáballe memorizar os poemas que os seus compañeiros maiores recitaban. A partir deles creaba as súas propias coplas. As matemáticas nunca lle gustaron, pero na escola namorouse da lectura, unha afección que aínda conserva.

Ata o ano 2010 ninguén sabía que ela escribía poesía, xa que queimaba todos os poemas para que non os descubriran. Durante moitos anos agochou a súa arte por medo ao rexeitamento. Como ela mesma lembra, eran outros tempos e a cultura non era ben vista.

Un día estaba facendo a comida e escribindo poesía cando tivo que saír coller o pan. Mentres tanto, o seu neto Eloi descubriu o texto e impediulle guindalo ao lume. En principio ía ficar coma un segredo entre neto e avoa, pero ,cando reuniu un feixe de poemas, Eloi ensinoullos a seu irmán para comezar a pasalos a ordenador. Pouco a pouco a súa obra foise facendo pública e no 2013 Matilde contou a súa historia no programa No mellor da vida, da Televisión de Galicia.

Agora a fama de Matilde chega a toda Galicia, xa que viaxa todos os anos ao balneario de Cuntis. Dedicoulle varios poemas á localidade pontevedresa e é moi popular entre os veciños pola súa habilidade para contar contos. Así mesmo, recibe encargos para dedicarlle versos a nenos que van facer a primeira comuñón e parellas que van casar.

Matilde só fai poemas das cousas que lle gustan e lévalle pouco tempo completalos se non a interrompen. Ela goza moito facéndoos e considérao o seu vicio. Inspírase nas cousas que a rodean, os seus veciños, as súas viaxes e tamén a actualidade nos xornais. O único tema que non trata é a morte. Poemas que non foron ao lume recolle unha selección dos poemas de Matilde feita por María Julia Ures Villar.