
Así describe a memoria de Matilde Senande García como foi noutro tempo este belido espazo. Escribe Luís Giadás
24 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Debruzada sobre a Enseada da Ínsua, coa Punta de Enmedio e Os Montóns (as dunas) coma fabuloso pano de fundo, empoléirase no Campo do Outeiro, San Martiño de Canduas, a casa de Matilde Senande Martínez, da Casa de Ventín. Once anos hai, Matilde ilustrábanos xenerosamente como era a beira cabanesa que fotografara José Vidal: «Ata 1931, onde está o Grupo Escolar das Revoltas estaba o estaleiro do meu pai, Benito Senande Novo: a caseta del estaba onde está agora a Casa da Cultura. O campo de fútbol era unha fanqueira (fangal), onde abordaban de inverno ata febreiro trinta barcos veleiros. Onde está o colexio era o monte de pinos, propiedade de Piñeiro de Corme, e abaixo tres casetas: a do meu pai Benito e do seu socio Eduardo Palanca; a de Francisco Mato e a de Antonio Mato. A Casa dos Tedín era taberna. Debaixo do actual Mar de Ardora estaba o estaleiro: xa non queda nada. O Pendón era A Telleira antigamente: a tella curtiña e ancha que nós temos. No Cuncharedo, tombaban os barcos vellos para o desguace: era por onde agora están o Centro Médico e o Aparthotel. Os de Buño viñan con catro ou cinco mulas cada un, tres ou catro recuas, cargados os seiróns de olas, por unha corredoira de ringorrangos (revoltas) para a feira de Baio, a véspera, sábado tarde. A pedra da Casa de Tedín trouxérona da Cota (A Mundiña) e, á dereita, O Portiño, onde, contaba José Pérez, o aserrador de máis de 30 anos de traballo, abordaban os piratas a destrozar o convento de monxas de San Pedro. Meu pai traballaba ata a unha da mañá (6.000 pesetas de prata diarias): eramos doce irmáns. Dende 1931, o estaleiro está no Valadiño e é de Martín, fillo de Eduardo. O Pendón era un praial de fanco: careaban con leña de toxo e queimaban o arneón ou arneirón varios ghalafates (calafates). Ghañar a marea era que, con laradas de leña de toxo, queimaban a pintura vella e o arneirón, que furaba a madeira, e abrían as costuras, con ferros de 32 categorías, e metían a estopa, fiábana cada ghalafate na súa sentada. A estopa fiábana coma o liño e logo unha moñadiña (madeixa) seca de todo. Despois de mete-la estopa nas costuras, poñíanlle a patente (o minio), pintura roxa espesa por riba das costuras e logo pintábase o barco con outras pinturas. Cando se acababa de ghañar a marea, facíase a carroa (unha comellada). Cada costado do barco era alistado nunha marea (un día). Tapaban os furados do arneirón coa brea e coas rasquetas quitaban mexillóns. Baixaban a madeira do Monte das Cadeiras para o Ludeiro. Viñeran do país veciño, coa serra portuguesa ou do aire, Ceslao Santos, Francisco Ferreira e Jacinto de la Torre de San Emedio (‘Eu serraba coa serra, anque chouvese e vén sol’, comentaba Ceslao). A estrada a Baio foi feita a cestos as mulleres, e a pico e pala os homes: o capataz era andaluz. Os bois que carrexaban a madeira eran santiagueños ou de Padrón (Laíño), de cornos de antenas e lombos moi anchos, e poñíanlles unha cadea de causella ou cousella do xugo ata que, baixando a costa, colocábanlles a cadea atrás da chavella pra que non lle afociñaran os bois. Facer unha burra era colocar un tronco con patas, un ghastallo, é dicir, un travesaño duns 80 centímetros de alto e sobre rodas e, despois, unha rampla sobre o ghastallo e, daquela, ía meu pai roleando con funqueiros a madeira por riba do ghastallo, amarrándoas nas chedas e, a continuación diante, na empatúa (empalme da cabezalla) e en por riba acuñaba co peso, enriba do pau ata o máximo, para que fosen amarradas e non campanearan. O carballo acurvado no tronco era o propio para o enrodamento, isto é, para quilla e o madeirado; o pino, bo para cuberta, a obra morta e os bordos do casco; o eucalipto para a sobrequilla».