«Todos os recoñecementos son aínda máis responsabilidade, se cabe»

f. rodríguez / p. blanco CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

MIGUEL VILLAR

Frigoríficos de Camariñas obtivo un dos premios Líderes en Calidade de Expourense

15 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Frigoríficos de Camariñas vén de recoller, na categoría de alimentación, un dos cinco premios Líderes en Calidade que outorga Expourense. José Luis Canosa, xerente, foi o encargado de recoller o galardón. Horas despois do acto interveu en Radio Voz Bergantiños, onde agradeceu ao xurado e á entidade organizadora, particularmente ao seu director xerente, Alejandro Rubín, por estes premios «a empresas galegas que apostan por un modelo de xestión baseando en sistemas de calidade e medio ambiente». Apuntou Canosa: «Temos que agradecer este premio que se nos outorgou por facer o que nos gusta, perseguir a plena satisfacción dos clientes e demostrar os potenciais e a capacidade de prestar uns servizos e produtos de calidade por medio duns procesos que garanten a seguridade e inocuidade alimentaria, así como o respecto ao medio ambiente». Afirmou, tamén que o galardón é un «grande honor» para o seu equipo, mais lembrou que, para seguir medrando, unha empresa precisa un entorno de estabilidade e confianza, que non só depende dun mesmo, senón tamén das Administracións. Nese sentido, di botar en falta colaboración por parte do Concello: levan «anos» intentando ampliar as instalacións, para medrar, dar resposta ás demandas e seguir afianzando postos de traballo e xeración de riqueza na terra. José Luis comparte o premio con todos, en especial coa muller e as fillas: «Seguimos adiante, o mellor sempre está por chegar».

-¿Como foi logo ese acto?

-Un acto moi emotivo. Como nin o esperabamos... Sabiamos que os premios existían, pero nin sequera coñeciamos que estabamos xa como finalistas, por segundo ano consecutivo. Tiven o dato da man de Rubín. Non o sabiamos: pode que se un ano estás na porta, ao seguinte poidas entrar, pero tamén nolo podían ter dito para que xa se fose facendo a boca auga.. [ri].

-Quizais se relaxarían máis.

-Non... Aquí o relax non existe.

-¿A que se dedica a súa empresa, Frigoríficos de Camariñas?

-A empresa, coma todas, dedícase a intentar gañar diñeiro, se é capaz [ri]. Principalmente, Frigoríficos de Camariñas é unha empresa familiar fundada no 89, con sede en Camariñas, e especializada na importación e procesamento de polbo [pulpo] conxelado. Traballamos con polbo capturado en diferentes caladoiros de todo o mundo que comercializamos baixo as nosas marcas, en diversas presentacións.

-¿A que países chegan?

-Máis do 65 % dos nosos produtos van ao mercado exterior, principalmente a Europa, a países como Portugal, Italia, Inglaterra, Bélxica, Suíza, Francia, Alemaña, Austria, Polonia, Serbia ou Rumanía. Tamén ao outro lado do Atlántico temos bos clientes: República Dominicana, Estados Unidos... Dende hai uns anos vendemos tamén un pouco en Angola.

-¿De que cantidade de polbo estamos a falar ao ano? ¿Cantos traballadores teñen hoxe?

-Temos unha plantilla media de 26 traballadores, máis do 90 % fixos. Son dúas plantas de traballo, con tecnoloxía de última xeración, e que producen máis de 10.000 palés de polbo ao ano, uns cinco millóns de quilos que comercializamos baixo as nosas marcas: Canosa, Octopus, Mareas Vivas, Moito Mar e Pina Pesca.

-¿Como valoran este galardón?

-Para nós si é un orgullo, e ademais que nos fagan un recoñecemento na terra na que din que entenden de polbo coma se tivesen mar. É un dobre efecto, un premio por partida dobre. Todos os recoñecementos son aínda máis responsabilidade, se cabe. Está claro que un premio che fortalece e fortalece ao teu equipo de traballo. Por definición, un emprendedor é unha persoa que se enfronta a algo con resolución, que identifica unha oportunidade de negocio e que é capaz de organizar os recursos necesarios para poñelo en marcha. Distínguese por dúas características: visión e paixón. A mestura de ambas é a que lle leva a tomar un camiño. O traballo dá os seus froitos e aquí temos a proba.