«Arranxar a instalación do club e os pantaláns son unha das prioridades»

CAMARIÑAS

JOSE MANUEL FERREIRO

A nova xunta directiva presentarase aos socios o vindeiro día 29 con varias actividades no programa de actos

24 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Martín Castiñeira Pérez (Camariñas, 1987), xerente de Construcións Mantido, é o novo presidente do Club Náutico de Camariñas. A súa foi a única alternativa despois de confirmar José Ramón Ayora que non se presentaría a reelección no posto despois de catro anos no cargo. A nova rectora xa ten un libro de ruta marcado para acometer, aínda que o primeiro que fará despois da toma de posesión será unha xornada de presentación ante os socios da entidade.

-¿Que lle levou a presentarse?

-Estiven uns días falando con Ramón Ayora e comentoume que non seguiría ao fronte do náutico. Eu pensei que era importante seguir loitando por algo como o Club Náutico de Camariñas que tanto esforzo deu crealo e poñelo ao nivel que está. É un labor de anos e por moita xente que puxo moito empeño en que saíra a diante este proxecto.

-Chega á directiva, pero non só.

-Teño un grupo de xente nova e preparada e outra con experiencia. Sen eles non daría o paso que din, téñoo moi claro. Somos oito persoas. Comigo están Noelia Martínez Rodríguez como vicepresidenta; José Manuel Olveira Pérez, secretario; Alberto Ayora Pais, tesoureiro; Coquellet Eric Roger Emile, comodoro, e os vogais Juan Manuel Mouzo Castro, Alberto Luaces Vidal e Francisco Manuel Mouzo Gerpe.

-¿Cales son os primeiros proxectos que pretende afrontar?

-O primeiro, loxicamente, é a presentación da directiva aos socios. Terá lugar o vindeiro día 29 nas instalacións. Será toda a xornada, comezando ás cinco da tarde co izado de bandeiras para continuar cunha festa infantil e rematar cunha cea. Por certo, os interesados en participar na cea poden anotarse co responsable do bar, Marcos, nos teléfonos 981 737 130 e 664 495 357.

-¿É que outros proxectos teñen?

-Arranxar a instalación do club e os pantaláns son unha das prioridades. A sede social está en moi mal estado e precisa una mellora urxente. O tellado é a principal necesidade porque a humidade que recibiu prexudicou moito a estrutura. É algo que debemos afrontar de inmediato. Non nos esquecemos do apartado social, no que programaremos ceas e actos nas que o socios teña participación e pensamos tamén nos fillos dos abonados.

-¿E a nivel deportivo?

-Potenciar a escola de vela. Iso non ten discusión. Despois seguir ca baixada de kaiak, organizar algunha regata e incluso temos pensado unha travesía a nado, entre outras actividades que xa veremos na xunta directiva.

-¿Como está a entidade?

-Moi ben. Saneada economicamente. Creo que o traballo que realizou a anterior xestora con Ramón Ayora ao fronte foi moi bo. Tamén estamos moi contento co labor que vén desenvolvendo Marcos nos catro últimos anos no bar. O náutico conta na actualidade cuns 200 abonados e máis duns trinta eventuais. É un número que nós queremos incrementar, claro está, pero iremos pouco a pouco asumindo responsabilidades e intentando que os socios sexan participes. Estamos abertos a suxestións que eles nos poidan dar.

-Véxoo moi animado.

-De non ser así non afrontaría esta importante responsabilidade. Espero que tanto o meu equipo como eu no defraudemos.