
A carreira electoral | A rexedora destaca entre o feito a limpeza e ornato das parroquias
14 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.É a segunda vez que Sandra Insua (1976) é candidata a alcaldía de Camariñas polo PSOE. Tamén ela pasou xa polos micrófonos de Radio Voz Bergantiños.
—Cal é o obxectivo?
—Repetir a maioría absoluta, sobre todo para dar estabilidade. Iso tamén se traslada a tranquilidade dos veciños, porque non é o mesmo, como o que pasa en concellos con minoría que ao mellor non poden aprobar pagos a provedores.
—Como valora estes catro anos que están a piques de rematar?
—Supoño que todos os candidatos coincidimos no mesmo. Foron catro anos nos que dous foron como un paréntese. Vivimos situacións que nunca pensamos vivir, soubemos xestionar a maior crise sanitaria da historia os servizos sociais estiveron ao pé do canón en todo momento, os concelleiros con dedicación, tamén. Fomos quen de ser un referente mesmo provincial. O primeiro evento virtual que se creou foi a Mostra do Encaixe e despois outros colleron o noso formato. Foi un mandato tranquilo pola maioría absoluta e porque a oposición non estivo, non existiu.
—Con que se queda destes catro anos e que tivo deixar de facer.
—Gustaríame ter firmado xa o convenio do museo dos naufraxios. Vivo un pouco obsesionada con este tema porque quero ser o único concello con una instalación así en toda a Costa da Morte. Conseguimos, que non foi fácil, que nos cederan a lonxa vella, que foi unha xestión administrativa complicadísima. Outra pega, pola que me piden moitas explicacións é o centro de día. Explícolle a todo o mundo porque é a verdade. Poucos días despois de tomar posesión falei coa conselleira de Servizos Sociais dicíndolle que tiña un compromiso por parte da Deputación para subvencionalo, pero tiña que ser xestionada pola Xunta porque nós non podemos asumir a xestión. Pero ela aposta por casas do maior e efectivamente puxemos a disposición o centro de iniciativas e a unitaria de Camariñas e temos cubertas 10 prazas das 20 que eran do centro de día e gratuítas e teñen o servizo de recollida na casa e de comedor. Tamén duplicamos a axuda no fogar. Despois da pandemia, de todo o que pasou nos xeriátricos a xente prefire ter un auxiliar a non ir a unha casa do maior.
—Que máis destacaría do realizado?
—A limpeza e ornato de todas as nosas parroquias aínda que agora estamos a meter un pouco a pata polas baixas que temos. Desde o minuto cero contratei unha empresa para ter os xardíns bonitos, recollemos os canóns do Soberano para poñelos na praza porque estaba bastante mal. Non está como quereriamos. Temos os edificios municipais que necesitan máis mantemento que obra nova. Temos que coidar o que temos porque temos tres centros de saúde, gardería, biblioteca e un montón de servizos cos que hai que seguir porque non sei se o mandato non virá algo complicado porque se non hai ingresos extras de impostos como os dos parques eólicos que hai en outros concellos. Os ingresos son os que son e só para aguantarse vai ser complicado.
—Que destaca do programa electoral.
—Vai dividido por parroquias. O obxectivo é a segunda fase do paseo marítimo de A Ponte do Porto, en Camelle conseguir a Casa do Mar e facela centro cultural, en Camariñas o museo dos naufraxios, en Xaviña seguir co saneamento. Xa conseguimos que 200 casas vaian ter o servizo. Esta é unha demanda histórica. Licitamos o contrato da obra e xa está a adxudicado, cunha depuradora que vai incluida. Esta é a única parroquia que non tiña saneamento.
A lista
1. Sandra Insua Rial
2. Fabián Canosa Pasantes
3. Encarnación Liñeiro Pouso
4. Sergio Caamaño Fernández
5. Begoña Tajes Méndez
6. Germán Caamaño Mouzo
7. José Francisco Carril Ageitos
8. Rosa Ana Barbeira Fandiño
9. Jesús Romar Canosa
10. Ainhoa Toba Martínez
11. Martín Leis Tajes
12. Belinda Insua Fuentes
13. Manuel Castro Pardiñas
PREFERENCIAS
- A que hora se ergue? Ás 9. Son de durmir
- Que almorza? O que me recomendou o dietista
- Prato preferido: Unha lasaña dos Catro Ventos
- Que non comería? Caracois
- Bebida preferida: Coca-Cola Zero
- Equipo de fútbol: O Dépor
- Que coche ten? Peugeot 3008
- Unha afección: Netflix
- Un lugar: A Ponte do Porto
- Unha rede social? Facebook
ARTES E LETRAS
- Escritor/a favorito/a: Rosalía
- Último libro que leu: Cuando aprendí a vivir
- Última película que viu: Cuñados
- Un/a artista: Luz Casal
- Un actor: Dani Rovira
- Unha actriz: Blanca Portillo
- Un/unha cantante ou grupo: Melendi
- Tipo de música: A galega
- Deporte que practica: Ningún
- Unha viaxe pendente: A Londres e a Arxentina