Ambrosio Feijoo, memoria democrática

Manuel Monge TRIBUNA ABERTA

CAMARIÑAS

05 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O artigo 35.1 da Lei 20/2022 de 19 de outubro de Memoria Democrática (LMD sinala: «Considéranse elementos contrarios á memoria democrática as edificacións, construcións, escudos, insignias, placas, calquera outros elementos ou obxectos pegados a edificios públicos ou situados na vía pública nos que se realicen mencións conmemorativas en exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar e da Ditadura, dos seus dirixentes, participantes no sistema represivo ou das organizacións que sustentaron a ditadura e as unidades civís ou militares de colaboración entre o réxime franquista e as potencias do eixo durante a Segunda Guerra Mundial» [División Azul]. Unha sentenza do Tribunal Supremo de 15 de decembro de 2022 sobre a retirada en Madrid da rúa do Xeneral Asensio Cabanillas marca xurisprudencia e sinala que para retirar a rúa ou distinción a unha persoa non é necesario demostrar a participación nos tres feitos históricos recollidos na LMD: sublevación militar, guerra civil e ditadura, senón que se considera un acto de exaltación se participou nun deles.

Ambrosio Feijoo Pardiñas naceu en Camariñas o 4 de setembro de 1861 e faleceu na Coruña o 10 de xullo de 1961. Estaba xa retirado o 18 de xullo de 1936 cando se produce o golpe militar contra o goberno lexítimo da República, pero colabora cos sublevados e participa como xeneral en numerosos consellos de guerra contra militares que non apoiaron a sublevación de 1936. Foi xuíz instrutor na causa 413/36 que o 24 de outubro de 1936 levou a un consello de guerra que condenou á pena de morte ao xeneral de División Enrique Salcedo Molinuevo, xeneral xefe da VIII División Orgánica, e ao xeneral de Brigada Rogelio Caridad Pita, gobernador militar, fusilados o 9 de novembro de 1936.

Posteriormente, desde finais de 1937 e primeiros de 1938, presidía en Asturias o Tribunal Permanente de Asturias nº 1 que celebrou numerosos consellos de guerra sumarísimos nos que resultaron condenados a morte e con outras elevadas penas a inmensa maioría dos encausados, segundo recolle o informe do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, que coordinaron os historiadoras/es Ana Romero, Luis Lamela, Carmen Martín e Segundo Saavedra por encargo do Consello de Memoria Democrática da Coruña. Este informe considera que «pola participación activa na represión na Coruña e Asturias Ambrosio Feijóo debería perder o honor de ter dedicada unha rúa». Tamén dá nome a unha avenida en Camariñas e é fillo adoptivo de Carballo desde 1927.

Aquelas persoas que participaron no golpe de 1936 ou na represión tamén están a perder rúas ou distincións concedidas antes de 1936. Así, o Pleno da Coruña do 1-3-2010 retiraba a José Millán Astray a distinción de Fillo Predilecto, concedida o 3-8-1922. O Pleno de Ferrol de 2-3-1981, alcaldía do PSOE, retiraba a rúa Ramón Franco, inaugurada en 1930. O concello de Sada retiraba a Pedro Barrié de la Maza a distinción de Fillo Adoptivo, concedida o 2-10-1922. A ministra de Defensa, Margarita Robles, cambiaba o nome da bandeira da Lexión «Comandante Franco» por «España». A I Bandeira da Lexión créase o 7 de outubro de 1920, sendo o seu primeiro xefe o comandante Francisco Franco.

O concello de Camariñas homenaxeaba o 31 de outubro de 2023 a nove veciños asasinados polo franquismo, cumprindo co que sinala o artigo 7 da Lei de Memoria Democrática: «Día de lembranza e homenaxe a todas as vítimas do golpe militar, a Guerra e a Ditadura». Sería unha incongruencia, unha indignidade, unha ofensa á memoria das vítimas do franquismo, unha vergoña para Camariñas e un incumprimento da LMD, manter a avenida Ambrosio Feijoo, que destacou pola súa participación na represión despois do golpe de Estado de 1936 daqueles que defendían a democracia e a legalidade.

*Manuel Monge é sociólogo e vítima do franquismo.