«Este equipo pode competir cos mellores da historia do Camariñas»

Antón Lestón
Antón Lestón CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

ana garcia

O presidente Vicente Carril valorou moi positivamente o traballo de Juan Cabrejo ao fronte dun conxunto que este domingo podería volver a ser campión da Liga da Costa

12 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Vicente Carril viu, animou e gozou de cada un dos catro equipos do Camariñas que levantaron o título de campións de Liga da Costa. É pois, a voz máis autorizada á que facerlle caso cando resalta que o actual conxunto que dirixe Juan Cabrejo «podería competir contra os mellores da historia do club».

O actual presidente, que leva no cargo dende a fundación da entidade en 1977, espera celebrar mañá o quinto campionato de Liga da Costa. O Camariñas recibirá ás 12.30 horas ao Corcubión. Se gaña, cantará o alirón, e se empata ou perde deberá esperar a ver o que fan Xallas e Soneira, contra Coristanco e Cabana, respectivamente. Sexa como sexa, o conxunto camariñán acaricia xa un logro que non acadan dende a tempada 2003-2004. Certificarían, ademais, o seu ascenso á Primeira Futgal, onde non compiten dende 2014, pasando, polo medio, un descenso á Terceira, da que regresaron no 2021.

«O máximo responsable é Juan Cabrejo, que cambiou todo e trouxo a súa experiencia na Primeira División para facer novos adestramentos e preparar cada partido de forma diferente», comentou Carril, que está moi orgulloso de que todos os xogadores sexan de Camariñas, «tamén Soule e Djibril, que aínda que viñeron de fóra xa son dous irmáns camariñáns».

O presidente admitiu que non pensaba no título ao comezo da campaña, pero que xa en novembro estaba convencido de que poderían logralo. Agora, espera poder celebralo mañá, na casa, no campo que dende o 2023 leva o seu nome.