
Manuel V. Bardanca escribe das súas impresións deste partido de hoxe. Así falan, por outra banda, os entrenadores dos partidos
03 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.O Laracha vén a Carballo. Obxectivamente, un partido onde a escuadra local é clara favorita. Con case media liga disputada, mentres o Bergantiños se confirma como candidato a ser unha vez máis campión da Terceira, o Laracha parece destinado sufrir. Acudindo ós estados de ánimo, refórzase a idea dun Bergan favorito. Hai cinco xornadas que non perde e hai catro que os veciños da Laracha non gañan. Catro vitorias por goleada e un tropezo en forma de empate e catro derrotas consecutivas, respectivamente.
Con estas premisas parece que Miguel Figueira ordenará tomar o control do xogo a través da iniciativa e da posesión de balón con amplitude e velocidade e con especial coidado ás vixilancias ofensivas que frustren as tentativas de contraataque rival, coñecedor de que a mellor garantía de éxito será abrir a lata. Chollas indicará que se minore o partido, reducir os espazos con repregues e gañar as segundas xogadas, coa intención de atacar sen temeridades que lle puideran poñer o marcador en contra e o partido moi, moi costa arriba.
Pero deixémonos de tácticas e adestradores. Como o fútbol é o deporte colectivo de maior incerteza, onde moitas veces David gaña a Goliat (en primeira case nunca xa...) pode ocorrer que o Bergan se atasque nun campo de rápida superficie, pero con tan só 63 metros de ancho, que dificultan as combinacións ofensivas, e onde pode caer auga (por fin) e soplar forte o vento. E neste escenario é posible que o Laracha se adiante en calquera desas xogadas escasas e certeiras, das que levan mala intención e fan moito moito dano.
E entón comezaría outro partido que seguro sería máis incerto e divertido para os espectadores. Nestas, independentemente do desenlace final, os presidentes Chano e Canito e os afeccionados que pasaron horas de domingos nas Eiroas e no municipal da Laracha lembraríanlle ós non iniciados que o Laracha e o Bergan son grandes clubs que intercambiaron xogadores e adestradores a miúdo. Non hai tanto Rubén Rivera era o dianteiro do Laracha pelexando polo ascenso xunto con Iago Iglesias, Iván Pérez...; Anxeriz e Miguel Taibo militaron no Bergantiños con obxectivos opostos ós actuais; José Luis Vara e José Antonio Cambón adestraron ós dous clubs; Quico veu do Laracha para ser dos mellores centrais que tivo o Bergantiños. E tamén que os dous clubs deron grandes xogadores como os exdeportivistas Carlos e Lito...
Así que, non sei se cualificalo de derbi comarcal, de partido de rivalidade local ou que, pero é un partido que merece que subamos ás Eiroas para gozalo.