José Manuel Menéndez: «As pedras si dan cartos»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana García

Directivo de Senda Nova e promotor do proxecto Vía Inqueda, reivindica a interpretación do «riquísimo» patrimonio como nicho económico

31 ene 2023 . Actualizado a las 21:12 h.

«Debemos demostrar que a interpretación do patrimonio e a posta en valor deste con actividades no medio natural pode ser un nicho económico que sirva para fixar poboación neste noso rural do que nos resistimos a saír». Toda unha declaración de intencións esta de Vía Inqueda, proxecto creado no 2021 que ten como promotor a José Manuel Menéndez (1975), asturiano de nacemento, mais veciño de Carballo dende hai máis de tres decenios. Traballador municipal do eido cultural, directivo de Senda Nova, activista, técnico deportivo en media montaña, técnico auxiliar forestal... Visitou Radio Voz Bergantiños:

—Por que e con que fin nace Vía Inqueda? Falan de ecoturismo.

—É unha entidade con ánimo de lucro. Saímos do ámbito do activismo e, isto, podería decirse, é un novo paso. Non un paso máis, senón un paso doutra forma. Pretende demostrar, por dicilo dalgunha maneira, que as pedras dan cartos. Hai uns días fixemos unha andaina, Segredos megalíticos, e cruzamos cunha persoa que nos dixo que o dolmen da Piosa eran iso, pedras. Evidentemente, sono, e nós anacos de carne. Hai que transformar iso: temos un grandísimo patrimonio que, de estar noutros lados, sería explotado economicamente. Queremos demostrar que iso, aquí, tamén pode ser. O feito de poder empezar con esta iniciativa xa di que algo está cambiando. Estou seguro de que por aí van os tiros, que sexa un nicho económico máis relacionado coa interpretación do patrimonio.

—Teñen iniciativas en Asturias, comarca de Santiago, Costa da Morte... Ata onde chegarán?

—Só ata onde eu me considero capacitado para facer unha interpretación do patrimonio que, penso, sexa necesario facer. Inqueda procura que as actividades pinchen aos participantes, e a nós tamén, que fagan unha reflexión sobre o entorno que nos rodea. Teño coñecemento da Costa da Morte e tamén do Alto Nalón, territorios aos que lle debo moito.

—Levan de lema «sendeirismo para coñecer». É máis ca andar.

—Si. Claro que falamos dunha actividade deportiva, pero esa parte, atrévome a dicilo, é secundaria. O que importa, e as rutas están deseñadas para que así sexa, é visitar eses lugares, exprimir a nivel de coñecemento todo o que se poida. Únense eses puntos por camiños antigos, escapando o máis posible do asfalto e da zahorra.

—Falan da «obriga moral» de trasladarlles ás vindeiras xeracións a riqueza patrimonial.

—Está esa obriga moral, e está a de dicirlles que a interpretación do patrimonio, igual que os sectores primarios, que nesta comarca deben seguir sendo fortes como son, é algo do que se pode vivir. Pódese vivir do rural, temos a obriga de dicirllo aos rapaces, e de amosarlles o camiño para que, se o desexan, poidan ter esa actividade, e que lles dea de comer.

—Como está sendo a acollida? Falamos, logo, de éxito?

—Diría que si, todo bastante apertado en canto a prazas, a verdade. Hai que ter en conta que o meu tempo vai para todas esas cousas mencionadas, e que me fan falta horas para ir encaixando todo. Dentro dese axetreo, e dentro doutra parte esencial, como son os obradoiros de Senda Nova proxectados cara os centros de ensino, o certo é que abarcamos moito. E as actividades pois están tendo moi boa resposta.

ANA GARCIA

—Rutas que procura ter en conta tabernas, pequenos ultramarinos... Son propostas transversais.

—Si. Para esa ruta dos Segredos megalíticos, por exemplo, díselles aos participantes que poden levar bocata, pero tamén que en Serramo hai un bar ultramarinos, que está facendo un servizo a esa parroquia, e que contribúe a fixar poboación. E case todo o mundo opta por esa vía. O exemplo de Serramo pode ser outro día en San Adrián de Castro, ou en Camelle. Certo que estas nosas actividades non lle van solucionar a vida a ese negocio, pero si intentamos pensar neles. Pasar polas aldeas é importante, non esquivalas, falar coa xente, contarlles a que imos, e moitas veces contribúe a darlle máis valor ás cousas: xa se sabe, canto máis cerca, menos importancia lle damos. Non escatimamos aí o tempo: 16 quilómetros, como foi no caso deste itinerario polas mámoas do que vimos falando, levounos dende as nove e media da mañá ás seis da tarde. Podería facerse en dúas horas, si, pero non é o fin. En Vía Inqueda, quero dicir doutro lado, bebo do labor que fixeron fan entidades como Senda Nova, Instituto de Estudos Bergantiñáns, Semescom..., porque grazas a ese labor que se leva feito, e quero agradecelo publicamente, podo ofrecerlle esta información á xente, contidos sobre vestixios patrimoniais que doutra forma non se poderían espremer de tal xeito.

DATOS PRÁCTICOS

Subiron ao Pindo o 22. A pasada fin de semana viaxaron a Asturias e, este domingo que vén, acudirán aos Penedos de Pasarela e Traba. Información de propostas, datas e custes na páxina web: viainqueda.com. Tamén aí se fai a inscrición, mediante un formulario.