Xurxo Souto: «Luísa Villalta moveu os marcos da literatura»

F. Rodríguez, P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Xurxo Souto, durante a súa intervención nos Premios Galegos da Regueifa, na compaña de Lupe Blanco
Xurxo Souto, durante a súa intervención nos Premios Galegos da Regueifa, na compaña de Lupe Blanco BASILIO BELLO

Escritor, docente, artista, Souto presenta hoxe obra literaria en Carballo: «Somos un pobo de artistas: o método Luísa Villalta»

28 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Acollerá o Museo de Bergantiños de Carballo esta tarde —20.30 horas, acceso libre— a presentación do novo traballo literario de Xurxo Souto: Somos un pobo de artistas: o método Luísa Villata. Falou onte en Radio Voz:

—Como anda?

—Feliz. Eliximos unha data excepcional, como tamén o é esta factoría de talento que percibo aquí en Carballo. Percibídelo normal, pero para min é extraordinario. Un exemplo, os Premios Galegos da Regueifa, foi un traballo colectivo, unha revolución. De todo isto vén tamén algo este libro, Somos un pobo de artistas, asumamos a nosa condición de selo [ri].

—A obra intenta xuntar literatura e música, semella.

—Efectivamente. Este ano dedícanselle as Letras Galegas a Luísa Villalta, quizais pouco coñecida, mais eu tiven a sorte de ser o seu amigo. Falan dela como poeta, narradora, autora dramática..., pero non se comenta algo extraordinario que tamén fixo, moveu os marcos da literatura. Editou un libro que se chama O outro lado da música, a poesía. Nel afirma que música e poesía son o mesmo, polo menos na súa orixe. Toda a literatura galega, e hai que dicilo abertamente, explícase mal nos institutos, porque se explica sen música. Como se poden explicar sen música as cantigas medievais? Ou os Cantares gallegos de Rosalía? A música está expulsada do mundo académico, quedouse como algo menor. Pero Celso Emilio Ferreiro escribiu que a poesía naceu para ser cantada. Hai como un desleixo intelectual, e iso é o que queremos romper. Está tan depauperada a música dende o punto de vista académico, que ás persoas que fan poesía para cantar non se lles chama poetas, senón letristas, dun xeito pexorativo.

—E os cantautores?

—Aí está. Non son os cantautores poetas? Fixémonos: cales son os principais letristas da música galega? Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Manuel María, Celso Emilio Ferreiro. O gran tema colectivo do Himno galego foi unha canción feita por encarga. Traio tamén o exemplo do que está a facer unha rapaza ben coñecida en Carballo, Rosalía [Fernández Rial].

—Poesía e música.

—Non é a típica, o tópico, poeta que recita con música de fondo. Non, a música está inxerida, está na esencia mesma da súa arte, e iso é o que temos que reivindicar. É moi típico que cando falo en público eu bote unha cantarea. A persoa que intervén despois, de estamos nun contexto académico, soe dicir: ‘Eu non vou cantar, eh!’. Home, que expresión pública de ignorancia! Non vexo que alguén diga: ‘Eu de xeografía e historia nada, ou da historia da arte nada, pero de música si’. Rompamos os tópicos e atrevámonos a ser felices coa música! Pitágoras non era matemático, era músico, é o que di Luísa Villalta no seu libro, el coas proporcións, coas medidas, busca a música apolínea, a música das esferas, a música dos astros. Un grande artista como Bach é matemática pura. O que pasa é que existe outra música, a dionisíaca, a da festa, a das trompetas, e esa, oi!, semella algo frívolo. A música galega vive un momento brutal, extraordinario, a revolución das mulleres. Pero todo comezou aquí, en Carballo, o músculo está aquí: para Mercedes Peón o shock emocional estivo en A Imende, para Quique Peón en Sofán de Carballo... Bergantiños conservou o pulso, o torgho vello. Por iso digo que sodes unha factoría de talento, e nós somos un pobo de artistas. E seguimos, e aí hai mozas de Cerqueda, como Icía do Manso, que xa non recrean o pasado, senón que asumiron esa estética, ese torgho, e crean a partir de aí. Foi a Escocia e que? Coa boca aberta quedaron.

—Que ten pensado para a presentación da obra en Carballo?

—Ademais de falar un pouco, o que vou procurar é que cantemos todas e todos. Porque aquí, nesta zona, como non imos ser poetas diante de tanta marabilla? Como non imos ser músicos? Levámolo dentro, e non tería perdón se non mencionase a revolución regueifeira, que nace en Carballo, que se estende por Galicia e que leva por ela a forma de cantar dos avós e avoas, que é un auténtico manifesto de futuro.