
IN MEMORIAM, cura de Cances falecido | Sempre sobresaíu por organizar eventos
01 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Xa pasadas as celebracións na honra de San Xoán en Carballo, e a de San Pedro, en Cances, ademais doutros santos, chéganos o tempo de ollar polo retrovisor, reflexionar e lembrar aconteceres, neste caso, como o verán, lastimeiros ou agridoces.
Hai uns días que nos deixou Jesús Antelo Quintáns, párroco de Cances. Cada persoa é un laio agarimoso cara el. Hai, tal vez, pormenores que os fregueses de Cances e parroquianos doutros lugares descoñecen. É motivo destas ringleiras esclarecer algúns aconteceres.
Chegou Jesús a contactar moi profundamente coa parroquia. Aló polo ano 1967 empezou a intimar, especialmente, cos mozos novos, case saídos da puberdade (contabamos 18 ou 19 anos), e el arredor, de 26: mozo forte, ben parecido, cheo de vida. Achegábase para estar connosco ao campo de Vinculeiro para darlle uns chupinazos á pelota. No descanso, ou varios intres, na tarde, botabamos uns grolos e uns pitillos. Estouno vendo coa sotana remangada, practicando un malísimo fútbol e dándónos boísimos consellos.
Interveu para que se arranxara o Vinculeiro e, facendo de seleccionador, formou un equipo que disputaba partidos con conxuntos doutras aldeas veciñas. Competindo na casa, por reclamo del, asistíannos, en caso de lesión, o doutor Eduardo Muñiz e os masaxistas Francisco Varela (O Creghiño) e José Villar (O Paneiro). Ámbolos tres xa metidos en anos. Viva a concordia e a ledicia, diso se trata.
Moi adiantado aos tempos, metéuselle no caletre a posibilidade de formar un equipo feminino, e nesta procura, propuxo como adestrador a un rapaz (naquel tempo), Ramón Sierra, de inmellorable talante e total garantía. Non dou arrincado o proxecto: era «daquela».
O fútbol mellorou, houbo equipo con xunta directiva e competición regulamentada. Jesús sempre estivo cooperando en pro del.
Habilitou un espazo na casa reitoral, o teleclub, espazo de reunión de mozos e non tanto. Compre dicir, falando de espazos, que á súa chegada non comezou a vivir na casa reitoral, xa que estaba habitada por Tomás Dosil e persoas afíns, entre elas, Carme, «Carme do Cura», empregada doméstica, que atendeu despois a Jesús. Viviu de pensión o novo crego e de aluguer nunha casa veciña. Desprazábase en moto e, despois, nun 600. Daba clase no colexio Leus. En fin, tempos pouco farturentos, coma agora, ou menos.
Facendo camiño ao andar, organizou un grupo de teatro que representaba obras no salón do Moreno e que, polo bo facer, se representaron en Carballo. A el débese un grupo de baile e gaiteiros (en colaboración coa ANPA), sendo a preparadora Gemma, profesora do Alfredo Brañas. Acadouse un altísimo nivel, afincando o ombro pais de rapaces (por poñer un exemplo, Manolo Rama Blas). Mantivo en activo a uns músicos veteranos (Cances foi terra deles), os Gaiteiros de Cances, aos que incorporou a Carme, boa pandereteira. Pola súa iniciativa rendéuselle homenaxe, xunto a Freixeiro Mato, catedrático na Coruña, no Pazo da Cultura, en Carballo, hai un lote de anos.
Era perentorio para os agricultores e gandeiros asociarse para importar e exportar produtos. Foi alma mater para que se reunisen formalmente, cos seus estatutos, nunha cooperativa. Foi o primeiro presidente Emilio Castro Pardiñas e, secretario, o mestre Ignacio Dosil.
Loitou para que houbese unha terceira escola unitaria. Conseguiuse. E grazas ás súas xestións con propietarios de parcelas no Campo da Feira (non todo o mar é ourego), podemos desfrutar dun centro social onde ao longo do ano hai reunións, actividades e festas.
Festas
Falando delas, propuxo o primeiro domingo de xullo como a Festa dos Matrimonios, arestora Festa da Parroquia. Celebración solemne da santa misa, grolo de auga na fonte de San Pedro e comilona no centro social. Sempre sobresaíu Jesús pola capacidade para organizar eventos, con aportación xenerosa do seu peculio, como foi o caso das súas vodas de ouro. Organizou repetidamente viaxes afastadas do terruño, e por varios días (Madrid, Levante, Andalucía), pensando nos maiores. A que permanece rexistrada na mente é aquela que preparou con aquela mocidade no 1971 (agora con setenta e moitos) por terra de Asturias, ata Cantabria, nada menos que tres días. Inesquecible aquela misa no santuario (cova) da Virxe de Covadonga. Endexamais faltou a excursión do catecismo, a do xacobeo e, nalgunhas ocasións, a Fátima e Lourdes.
Non reparaba en disfrazarse
Aconsellou, acompañou aos veciños para realizar obras con miras á comodidade e ao ben común: arranxo de pistas, traída de augas... Tamén aí está a perla, a nena bonita, a fonte de San Pedro. Onde había unha capela pequerrecha, levantouse a actual. O mesmo ocorreu coa reitoral. Novo cemiterio, manter en bo estado os adros... ¡Cantas tarefas!
Aledan as misas dominicais, e outras de «capote», a actuación do coro. Grupo de veciñas, nun comezo, acompañadas por Óscar Calvete ao piano e, despois, a irmá, Mercedes, dirixiunas con mestría. Outro «pecado» de Jesús. Ata foi o seu «manager», xa que lle buscou «contratas» no estranxeiro: Berdillo, Coristanco, Rus... Moi arduo foi o seu labor. Así se considera, maila diso, nunca quedou en esquecemento a misión propiamente relixiosa. Axenda moi apertada a deste reverendo. Pois, ben, inda lle quedaba tempo para ser contable nalgunha empresa e dar longos paseos na compañía de veciños aos que con algunha sorna irónica os metía en chismosos compromisos. Ocorrente, como cando algún paisano quería bendicilo coche, non se esquecía de botarlle auga nos dous pés (acelerador e freo). Home intelixente que sempre puxo a capacidade ao servizo dos demais. Comprometido con todos, sen miramentos de condicións sociais. Desfrutaba coa diversión de todos. Non reparaba en disfrazarse imitando personaxes políticos ou meténdose unha perruca vermella como vello roqueiro. Tiven a sorte de ser compañeiro del no lES Alfredo Brañas e dou testemuña da entrega cara os que alí estabamos e a nosa consideración cara el. Por todo, Jesús, moitas grazas.