Asamblea en el Parlamento Europeo del Comité Europeo de las Regiones, con nueva directiva
Asamblea en el Parlamento Europeo del Comité Europeo de las Regiones, con nueva directiva SANTI GARRIDO

24 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Por cousas da vida e, sobre todo, do traballo, coincidíronme varias visitas no último ano e medio ás institucións da UE. Varias: Parlamento, Comisión, Comité de Rexións, algunha dirección xeral... Paseando por elas, falando coa súa xente, é inevitable pensar, de primeiras, que lonxe queda todo iso da nosa vida cotiá. Altos funcionarios que se manexan varios idiomas, visten traxes caros e dominan conceptos tan específicos... si, que lonxe nos quedan.

Pero, de segundas, xa non. Por alí, pola Comisión e agregados, deciden a onde van caer cartos que, sen sabelo, tocamos case a diario, dende o abastecemento de auga de Carballo ao Fórum, dende os paseos para peóns e bicicletas ata as obras das pontes e do Anllóns para evitar inundacións. Cursos de formación ben diversos, saneamentos, investimentos para a cultura... Poste a pensar e saen contas, xa de terceiras, millonarias, do feito nos últimos anos na Costa da Morte con cartos que chegaron de aí, de Bruxelas. Un funcionario ou funcionaria estampou a súa sinatura nun papel que antes pasou por outros coma eles e dixeron que si, vamos permitir que se fagan esas obras nese recuncho. E noutros. E aínda hai que renega constantemente de Europa, así en xenérico, como algo intanxible, inerte, espectral. Pois non: son xente coma nós —algunha de por aquí, por certo— que dedica tempo a estudar que se fai e que non. E, percorrendo despachos e pasando polas beiras das ventás, xogaba a adiviñar a cal lle tocaría aprobar ou non algo deses quince millóns en total que vai pedir Carballo no pleno de hoxe. Ou de calquera outro lugar. Si, a Bélxica de Tintín e de Magritte témola máis preto do que pensamos.