Entrevista | Concha Blanco A escritora de Lires (Cee) leva cerca de 30 obras publicadas, as últimas, «A bruxiña da sorte» e «Boris e compañía» acaban de aparecer nas librerías
06 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O nome de Concha Blanco comeza xa a ser habitual nos anaqueis das librerías e das bibliotecas, especialmente nas adicadas aos máis pequenos. Case ao mesmo tempo acaban de aparecer no mercado as súas dúas últimas publicacións: A bruxiña da sorte e Boris e compañía , dúas obras publicadas por editoriais tan prestixiosas como Alfaguara e Galaxia. Con elas, a lista de libros de Concha Blanco achégase aos trinta. -A bruxiña é a historia de Lúa, unha bruxa de xoguete que chega ao escaparate dunha tenda de regalos onde se fai amiga de outros obxectos: un despertador, unha volvoreta e un cabaliño do demo. Ademais de falar con eles, tamén cúmprelles desexos. Algúns o que queren é a liberdade. -¿Unha obra con trasfondo? -Si, a idea é conseguir que os lectores teñan en conta certos valores que se están perdendo como o da amizade. -E Boris xa é unha segunda parte. -Si, é o segundo libro dunha serie. O primeiro tivo moito éxito e a editorial pediume máis. Boris é a historia dunha gata que se vai dando a coñecer. Conta a relación coa súa dona, Laura, que ten alerxia ao pelo e non pode vivir con ela, aínda que a ve todos os días. -¿Son bos lectores os rapaces de hoxe? -Vaise mellorando, o problema cos rapaces é facelos entrar. É máis doado que se lea por obriga e non por pracer, pero a cousa vai para adiante, aínda que os nenos limítanse moito aos recursos da escola. -¿E que len os nenos? -Len de todo, pero, sobre todo, cousas curtas. Ás veces preguntan se os libros que lles dicimos teñen moitas páxinas. Eles non queren ter problemas.