Opasado sábado 16 de xaneiro as edicións da Costa da Morte e Santiago da Voz de Galicia recollían na súa contracapa unha entrevista a Aurora Lamas, viúva de Baldomero Cores Trasmonte, xornalista, profesor, xurista, investigador, literato e cronista oficial da Vila de Cee. A súa lectura recordoume a inmensa débeda que ten a Vila da Xunqueira con esta intelectual galeguista que nos legou, entre moitas outras cousas, a Historia de Cee, unha obra esencial para coñecer o pasado da nosa vila.
Tras o seu falecemento, o día de Noiteboa do 2014, sucedéronse os actos e as mostras de cariño como a homenaxe do pobo de Cee e a asociación de xornalistas de Santiago, na que se espallaron parte das súas cinzas na súa querida Ría.
Naqueles momentos, baralláronse distintas iniciativas para recoñecer a súa figura, entre elas a de pór o seu nome ao colexio público Eugenio López de Cee, a algunha rúa da vila ou ao auditorio da Casa da Cultura.
Eu defendín a instauración do Premio Baldomero Cores de Ciencias Sociais, no que poderían participar os concellos de Cee e Santiago, o Parlamento de Galicia (do que foi letrado maior) e mesmo a Universidade de Puerto Rico, onde foi catedrático de Socioloxía durante quince anos. A existencia deste premio contribuiría a manter viva a obra do polifacético intelectual.
Sei de primeira man que o recoñecemento que máis ilusión lle fai á familia de Baldomero é que o colexio público da vila leve o seu nome. Non debemos esquecer que hoxe en día, o centro de ensino ceense leva o nome dun director xeral de educación do réxime franquista. Igual que outro colexio de Zaragoza, un de Palma de Mallorca? Vulnerando a Lei de Memoria Histórica.
O día que Baldomero recolleu a medalla Fernando Blanco de Lema a palabra que máis veces pronunciou durante o seu discurso foi ceensidade. Valoricemos ás persoas que contribuíron a construír a nosa identidade. Vai sendo hora.
Produce mágoa observar a desidia dos representantes políticos ceenses. Nin honran a memoria dos que escribiron a nosa historia, nin procuran a quén siga a escribila, nomeando por consenso un novo cronista.