D. Francisco Mayán e Cee

Víctor M. Castiñeira

CEE

01 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Este 30 de setembro cumpríronse cen anos do nacemento na vila de Cee de Francisco, Pancho Mayán. Finado hai pouco máis de seis anos, dedicou a súa vida á docencia (en Cee, Villablino e Mondoñedo) e á investigación histórica. Digno herdeiro do espírito de Fernando Blanco, formouse nas aulas do colexio nas que pronto impartiría clase como mestre de Xeografía e Historia. A el debémoslle parte do que hoxe coñecemos da nosa historia, xa que foi o pioneiro dos estudos de investigación histórica na súa vila natal, sendo o primeiro en investigar os libros parroquiais de Santa María de A Xunqueira nos que descubriría as tráxicas consecuencias da invasión napoleónica de 1809 ou a partida de defunción do pai do gran artista do barroco galego Domingo Antonio de Andrade, confirmando así a súa orixe ceense. Ademais da obra sobre a invasión francesa en Cee, publicada en 1941 e reeditada no ano 2009 con motivo do bicentenario da mesma, Mayán adicou dúas obras a Andrade, ceense universal, un pequeno estudio no ano 1942 e un libro no ano 1990. Tamén gardan relación con Cee, a obra sobre o artista Anselmo Mayán publicada en 1969 e a primeira aproximación á historia da nosa vila publicada en Santiago no ano 1972.

Traballador infatigable, home de grandes inquietudes culturais, viviu con gran intensidade a súa paixón pola historia xa desde os seus anos mozos. Só así pode entenderse o enorme mérito que ten a publicación do seu primeiro libro, dado que o contexto socioeconómico e político da época, pouco despois de acabada a Guerra Civil, non era desde logo o máis axeitado. Pero non só por íso, senón polas horas de traballo nos arquivos parroquiais.

Se Cee foi a súa vila de nacemento e primeiros anos de xuventude, Mondoñedo foi a de adopción. Nela pasou gran parte da súa vida beneficiándose tamén do seu clima seco, moito máis beneficioso para a súa saúde que a humidade de Cee; do seu Ceíño, como el cariñosamente lle chamaba. Aínda así, e mentres as forzas llo permitiron, non podía faltar á súa cita de tódolos meses de agosto para reencontrase cos seus familiares, veciños e a súa venerada Virxe da Xunqueira. A súa xenerosidade ten o seu reflexo máis visible nas numerosas doazóns de libros coas que estivo agasallando ó seu lugar de nacemento durante decenios, razón pola que a biblioteca pública municipal leva o seu nome desde o ano 1987. Este legado inmenso pode ser gozado por fin na súa totalidade nas modernas instalacións da Casa de Cultura.

Non foi este o único recoñecemento que tivo na súa vila. No ano 2002 recibiu a Medalla Fernando Blanco de Lema, máximo galardón do Concello de Cee. Para todos os que tivemos a sorte de compartir con el amigables charlas sobre a nosa historia, quédanos a lembranza dun home erudito e afable.

*V. Castiñeira é tecnico do Concello de Cee.