«Se o Renacemento italiano ten a Da Vinci, o Barroco galego ten a Andrade»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CEE

ANA GARCIA

A VIVA VOZ | O autor da Torre do Reloxo da catedral de Santiago está sendo homenaxeado en Cee. O técnico e historiador Víctor Manuel Castiñera está detrás da organización dos actos

19 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Como traballador do eido da Cultura, como historiador e como organizador dos actos en Cee en torno a Domingo Antonio de Andrade, o técnico de xestión cultural deste municipio, Víctor Manuel Castiñeira (Xallas, Cee, 1972), non pode sentir máis ca orgullo cando fala de tan ilustre persoeiro da súa vila, un veciño universal, referente do Barroco. A Domingo Antonio de Andrade (Cee, 1639-Compostela, 1712) dedícalle este 2020 a Real Academia Galega de Belas Artes o Día das Artes Galegas, e é por iso que no Concello ceense promoven unha serie de encontros de homenaxe. Botaron a andar o martes cunha ofrenda floral e dúas exposicións, mais hoxe arrinca un ciclo de conferencias. Víctor intervirá pasado mañá, domingo.

-Está a vila contenta estes días.

-Orgullosos, iso por suposto. Todo o que sexa contribuír a difundir a figura e obra de Andrade é un motivo de satisfacción. El e Fernando Blanco son os dous veciños máis ilustres que deu a vila de Cee. Contentos, pois, de que a Real Academia de Belas Artes pensase nel para este Día.

-O Día das Artes Galegas naceu aló polo 2015, o que dá conta da importancia deste ceense.

-É unha cousa recente, si. As grazas primeiras son dende logo para a Academia, por pensar nel. Vén a compartir nome con Luis Seoane, con Castelao, co Mestre Mateo... Estamos falando de figuras moi relevantes da nosa cultura.

-Comezan hoxe tres conferencias en torno á figura de Andrade que, semella, ofrecerán unha visión moi completa del, moi diversa.

-Como organizador das actividades, algo que me tocou xa no tricentenario do seu falecemento, no 2012, comentaba este día que dado que tanto a obra como a propia personalidade de Andrade son tan complexas e teñen tantos matices, non se pode pretender cunhas exposicións ou cunhas conferencias facer un estudo extenso del. Pero si pode servir de primeira pedra de toque ou de aproximación para facerse unha idea do importante que foi no seu momento. Así que intentamos velo dende diferentes puntos de vista. Andrade non foi un arquitecto, Andrade foi un artista. Se o Renacemento italiano ten a Da Vinci, o Barroco galego teno a el. Andrade foi arquitecto, escultor, orfebre, mestre, inventor dun sistema en clave para escribir as cartas, dunha especie de artefactos explosivos con produtos químicos... A xente non sabe, tampouco, que cando lle vai dar un abrazo ao Apóstolo Santiago, o aparato maior da capela onde se atopa e que alí ven é froito da inventiva e do bo facer deste ceense. Non só a Torre do Reloxo. Xa digo, é unha persoa moi complexa: o seu non só foron obras de arquitectura ou escultura, senón atreverse a facer calquera desas cousas, ou a propia lámpada de prata da igrexa da Xunqueira. A cada problema que se lle plantexaba trataba de buscarlle solución. Sempre estivo pensando, foi un innovador nos retablos: con el aparecen as columnas, os espazos de luz, os ocos, os claroscuros... Xa por non falar da escaleira de caracol de Bonaval: iso son palabras maiores. Cada vez que vou ao Museo do Pobo Galego, poder vela dende abaixo, tres escaleiras nunha cun punto de apoio só... é magnífico.

-E semella, doutro lado, que nunca se esqueceu de Cee.

-Andrade naceu en Cee e viviu aquí a súa infancia e xuventude, case os primeiros vinte anos exceptuando as viaxes a Santiago para acudir á Universidade. Aséntase en Compostela unha vez que ten o primeiro fillo e alí queda: tanto é así que, ata o século XX, pensábase que era natural de Santiago. Mais nunca perdeu a súa vinculación con Cee. Polos documentos sabemos que para esta vila non só fixo un retablo, senón dous, o maior da igrexa da Xunqueira, que tardou sete anos en cobrar esperando pacientemente, e o da confraría de ánimas. Chegou a interceder para a merca do San Xosé, dun pendón... e logo está a lámpada de prata, penso que a única constancia do seu traballo como orfebre, algo que se descubriu no 2012. A mágoa que temos en Cee é que del, a diferenza de Fernando Blanco, non se conserva nada: a igrexa quedou arrasada no 1809, queimada polos franceses. O máis próximo que se conserva está en Muxía, na igrexa parroquial, e é parte do retablo que no seu día fixo para o santuario da Virxe da Barca. En definitiva, Andrade foi unha persoa extraordinaria para a súa época e a proba está en que 308 anos despois do seu falecemento, séguese homenaxeando. Pese a todo, en realidade, non foi unha figura valorada ata hai pouco: dos 60 e 70 para adiante e mesmo dos noventa en adiante en Cee. Débeselle moito neste sentido ao historiador da vila, Francisco Mayán.

Hoxe, intervención de Juan Creus. Ao fío do Día das Artes Galegas, o Concello de Cee, en colaboración coa Deputación e co Museo do Pobo Galego, organiza unha serie de actos de homenaxe. Hoxe, ás 21.00 horas, na Casa da Cultura, intervirá o arquitecto Juan Creus: «Intensa destreza. Algunhas notas sobre a obra de Domingo A. de Andrade».