Recordar é volver a vivir

Concha Blanco Blanco

CEE

BASILIO BELLO

En primeira persoa, escribe a ceense Concha Blanco | «Eu tamén fun pequena», o meu novo libro co que quero invitar á xente nova a unha reflexión

12 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Recordar é volver a vivir». Con esta afirmación remata a contraportada da miña última publicación, que acaba de comezar a súa andaina e co mesmo aforismo decidín comezar este texto.

Trátase do título Eu tamén fun pequena que escribín no outono de 2022, aínda que se xestou no verán do mesmo ano.

En canto á miña creación literaria, as historias xorden por diversas circunstancias que por veces se dan ao meu redor e outras son produto de ir na súa procura e ata poñerme a investigar para conseguir obxectivos marcados.

Cando estaba en activo na docencia, as múltiples historias que se daban nas aulas e as propias vidas do meu alumnado resultaban un fervedoiro de ideas, de temas, de contidos que adozaban a miña produción literaria. Cada neno, cada nena era un ser único, sen igual, coa súa personalidade, co seu carácter e coa súa mochila repleta de historias e circunstancias propias que o facían diferente aos demais. Cantos protagonistas das miñas obras son «aqueles» e «aquelas» rapazas que conviviron comigo nas aulas, disfrazados, encubertos con outros nomes e con outras pinceladas físicas, pero na miña mente estaban eles e elas do principio ao fin.

Eu tamén fun pequena foi o resultado das historias que cada noite daquel verán lles contaba ás netas cando ían durmir. Unha noite ocorréuseme non contarlles o clásico conto de feitos imaxinarios e narrarlles vivencias da miña infancia en Lires, a miña aldea natal. Esa mesma noite acabáronse os contos de mentira por demandaren o que elas deron en chamar contos que non son contos.

Tanto as entusiasmaban que xa durante o día me preguntaban: «Avoa, xa sabes o que nos vas contar esta noite?».

Foi moi agradecido. Así que, unha vez rematado o verán, pensei que tal como a elas lle gustara coñecer esas diferenzas xeracionais, a outros potenciais lectores e lectoras tamén lles podía interesar e púxenme mans á obra.

Aínda que o libro está recomendado para maiores de nove anos, pode interesar en calquera idade. Seguro que tamén a persoas doutras décadas lles gustará recordar aquel xeito de vida tan peculiar que, aínda con tantas eivas, nos proporcionaba felicidade.

Claro que fun unha nena feliz! Ademais na miña casa había taberna-ultramarinos e no primeiro andar tamén tiñamos un obradoiro de costura; poderosas razóns para que sempre houbese xente ao redor.

A nosa casa era o centro neurálxico da movida da aldea e os domingos o de toda a parroquia, porque moitos veciños aproveitaban para faceren a compra. Foi aquí o meu primeiro contacto coa literatura oral. Na taberna contábanse lendas, contos de medo, da Santa Compaña... Como non ían ser historias cribles se os protagonistas tiñan nome e apelidos aos que eu coñecía ben, o mesmo ca os espazos onde se desenvolvían aquelas historias que me eran tan familiares?

Co título Eu tamén fun pequena intento e quero desbotar os termos de vello e vella co que tantas veces en forma despectiva ou pexorativa se lles di ás persoas maiores. A intención é invitar a xente nova a unha reflexión: Eu fun pequena, coma ti agora. Ti non sei se serás maior, coma min agora.

Nesta obra podemos constatar as grandes diferenzas entre as nosas xeracións (a das netas e a miña) e os profundos cambios que se deron en moitos ámbitos, como na industria e as novas tecnoloxías, pero tamén potenciar a valoración do rural e a importancia de termos unha lingua propia que nos fai diferentes.

O feito de poñer a Ana e a Mariña no texto como partícipes facendo diálogos comigo, permitiume darlles ás historias máis dinamismo e proximidade, favorecendo así o deixar caer, coma quen non quere a cousa, contidos transversais que deixan aflorar valores tan necesarios para os individuos en particular e para a sociedade en xeral (a importancia do esforzo, as tradicións, a igualdade de xénero, a xustiza, a paz, o coidado do medio ambiente, o fomento da lectura...) e tamén a importancia de transmitir a historia da nosa aldea, do noso concello... do noso pobo. A nosa historia, porque xa se sabe: «Recordar é volver a vivir».

Uns apuntes biográficos

Profesora, pedagoga e escritora nacida en Lires (Cee) en 1950. Exerceu o seu labor docente durante toda a vida profesional ao que tempo que se dedicou á escrita. Así, leva máis de 50 obras literarias publicadas, ademais de participar en numerosas publicación colectivas de diverso tipo. Tamén foi correspondente de La Voz de Galicia varios anos e ten recibido numerosos premios. Entre eles figuran O Facho, O Barco de Vapor, Merlín, Galix, Novela por entregas de La Voz de Galicia, Arume, Pura e Dora Vázquez ou Anduriña Viaxeira. «Eu tamén fun pequena» é o seu último traballo, que acaba de saír do prelo.