Jesús Picallo: «Para Cee pedimos unha residencia e un centro de formación de hostalaría»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CEE

Ana García

Entrevistas aos candidatos da Costa da Morte | Estreouse en política local hai só uns meses, tras ser aspirante á alcaldía de Cee

04 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Destacado empresario do sector turístico, Jesús Picallo (Vimianzo, 1960) estreouse oficialmente na política local a finais do 2022, cando foi proclamado candidato á alcaldía de Cee. Apenas meses despois de entrar á corporación municipal, foi chamado a integrar a lista do PP pola provincia da Coruña. Ocupa o posto 21.

—Hai pouco máis dun ano que se anunciou a súa candidatura á alcaldía de Cee, e agora tamén se une ao equipo das autonómicas.

—Agradézolle ao PP, e ao presidente Rueda, que apenas oito meses despois de dar o paso á política municipal confiasen en min para ir na lista ao Parlamento galego. Ademais, alégrame que, como comarca, teñamos a representación máis alta da historia.

—Que cre que podería aproveitar da súa —aínda breve— experiencia municipal de cara a unha posible presenza parlamentaria?

—Se nalgún momento chegase a ser deputado aproveitaría para tirar pola Costa da Morte. Resolverlle os problemas á cidadanía é algo que me enche de orgullo, e que xa vimos facendo [dende o grupo municipal]. En Cee vaise firmar un convenio con Sanidade para mellorar o centro de saúde, conseguiuse unha axuda para a Fundación Fernando Blanco...

—Que intentaría conseguir para Cee e para a comarca?

—Considero que calquera petición que se faga para Cee repercutirá tamén no resto da comarca, pois ao fin e ao cabo Cee é capital sanitaria, económica e social. Falamos dese hospital comarcal, pero tamén é necesario facer unha residencia de maiores, proxecto que xa levamos no noso programa electoral nas últimas municipais. Sería importante, tamén, traballar por un gran centro deportivo, pois temos máis de mil familias que están acudindo a un campo que non está nas mellores condicións. Máis cousas: un centro de formación de hostalaría. Pero non só para que saian camareiros, senón todo tipo de perfís dese sector tan importante. Outra cousa importante para nós é a posta en valor do porto de Brens.

—Turismo, deporte, sanidade e infraestruturas, entón?

—Algo así. A nosa visión para Cee sostense en catro pés: maiores, xuventude, turismo e empresa.

—Que cre que sucederá o vindeiro 18 de febreiro?

—As sensacións que temos é que o presidente Rueda manterá a súa maioría, e farao pola súa eficacia e humildade. Hai que pensar na estabilidade que Galicia, e España, precisan para sacar proxectos adiante. Non estamos para bipartitos ou tripartitos.

A quiniela de Jesús

42 PP, 20 BNG e 13 PSOE