
Adicado a Fernando Blanco, o faro que ilumina Cee.
O teu soño, tras o teu esforzo e sacrificio fixo que Cee puidera rexurdir.
Déixame que che conte que se cumpriu co teu legado, que o día 2 de outubro de 1886 se inauguraba o primeiro curso escolar e que por este centro educativo levan pasando xeracións e xeracións de rapaces e rapazas que puideron dispor das mellores coleccións didácticas, científicas e artísticas.
Déixame que che conte que o teu soño se converteu nun centro educativo referente a nivel galego.
Cee converteuse nun viveiro de oportunidades, nun lugar cheo de vida. Cee aproveitou e segue aproveitando ao máximo o teu legado, converténdose nun lugar onde a cultura, a educación e a sanidade son os seus piares fundamentais. Un lugar onde traballar, onde desfrutar do lecer, un lugar que o ten todo.
Déixame que che conte que non puiden cumprir o meu soño de ser mestra neste centro educativo, que xoguei nos teus xardíns, que me casei entre as túas árbores... e que non houbo nin un só día que deixase de pensar en ti. Que tiven que renunciar a Presidencia da túa fundación, unha das decisións máis duras da miña vida para cumprir coa legalidade, pero déixame que che conte que coma ben sabes goberno baixo a túa mirada, acompáñasme en todas ás decisións para seguir convertendo Cee nese viveiro de oportunidades que comezou co teu legado.
Pagou e paga a pena todo o sacrificio de traballar para mellorar ao noso pobo.
Déixame que che conte que o teu soño converteuse nun dereito de todos e hoxe máis dun século despois do teu pasamento os alumnos e alumnas do Fernando Blanco son novamente premiados ou bolseiros como de antano.
Por hoxe remato, pero seguireiche contando...
*Intervención da alcaldesa de Cee na entrega dos Premios Fernando Blanco.