Maxia, esforzo e amizade teñen cabida nesta obra publicada por Xerais, para pequenos a partir de 8 anos
13 dic 2024 . Actualizado a las 09:48 h.Non soe haber Nadal no que non chegue en forma de libro algún agasallo da ceense María Canosa. E, si, dende novembro ten a autora novo libro na rúa, publicado baixo o selo de Xerais e co título de Escola de bruxas. As letras non teñen idade, mais de querer estimar, esta publicación cadraría ben para pequenos e pequenas a partir de 8 anos. «Mencía comeza un novo curso na escola para perfeccionar as súas técnicas de maxia e meigallos, rodeada doutros nenos bruxos e bruxas. Nunca antes vira tantos compañeiros xuntos. E nunca se sentira tan soa e diferente... Tanto, que pensou que o de ser bruxa non era o dela. Pero non hai nada que se resista ao esforzo e a unha boa amizade».
Así reza a sinopse e dá cadra de por onde van estas 140 páxinas que inclúen ao final unhas pingas a modo de entrevistas sobre a autora e a ilustradora, Maiky Odel, para quen Escola de bruxas foi a súa primeira colaboración con Xerais. Nesa conversa, Canosa, articulista de La Voz dende hai máis de dez anos, afirma que esta obra toca un tema ben diferente a todo o escrito ata o momento, e iso que sobradamente superou xa o medio cento de obras publicadas. Maxia, para ela, vai ligado a crer.