Paty Lesta: «Paga moito a pena ver este espectáculo, xa só pola carga de emoción»

F. Rodríguez, P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CEE

Xabier Martínez

No mes de Rosalía, Cee acolle hoxe o espectáculo «Na cerna do son»: poesía, música e danza en torno á emigración

15 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Mes de febreiro, mes do amor, pero tamén mes de Rosalía de Castro. Na súa homenaxe, o Concello de Cee ten preparada unha programación específica que pasa por unha exposición ou por dous espectáculos, o primeiro deles hoxe, aberto a todo o público. Na cerna do son será unha oportunidade única, reunindo o talento de profesionais de longa traxectoria nas súas áreas, e en torno a un tema que todos os galegos coñecen ben. Ritmos de aquí e alá, nunca mellor dito. Gallaecia Eventos chega á vila da Xunqueira baixo o paraugas da Rede Galega de Teatros e Auditorios: 20.30 horas, Casa da Cultura. Os interesados en embarcase nesta «viaxe», como así a definiu a cantante Paty Lesta en Radio Voz, non teñen máis que achegarse e aboar a entrada: 5 euros (3 no caso da reducida). A billeteira estará aberta dende as 19.30.

—Un espectáculo multidisciplinar.

—Exacto. A nós gústanos chamarlle multiARTErial. Está fusionada a danza, cun bailarín de Nova Galega de Danza, Ricardo Fernández; a poesía, declamación e narración de Luís Iglesias, actor; e tamén a música, executada por Cristian Leggiero, arranxista, director musical e piano; un xitano de pura cepa que toca o caixón, Moisés Fernández, e eu. Fusionamos todo iso arredor dun tema como é a emigración e a tradición galega.

—E como se puxeron de acordo nisto?

—Pois con Luís xa levamos anos traballando, el actuou a cantou con nós na Gallaecia Big Band, da que somos fundadores e integrantes. De Moisés e Ricardo encantábanos o seu labor, así que, pensando en facer algo multidisciplinar, foi coller o teléfono, chamar, e acudiron. É arriscado, tamén por falar dun tema moi duro, a emigración nos anos 40. Tempos de moita fame, falamos neste caso da emigración a Latinoamérica. A maiores de cancións tradicionais galegas, rendemos homenaxe ademais á música de  Latinoamérica. Na cerna do son é o unha viaxe global que parte de Galicia, que chega a Latinoamérica e na que finalmente se volve á terra, seguindo esa poesía, danza e música o fío dunha historia que envolve, con esa partida dun barco... Foi a de moitos galegos.

—Chegan a Cee, mais xa teñen un importante percorrido co proxecto.

—Estreamos o ano pasado, pasamos por Bergondo, Cambre, Oroso... Esperemos xirar por Galicia adiante.

—Pensan en saltar o charco?

—A min encantaríame, Latinoamérica merece escoitar unha parte galega, da tradición. Temos o Negra Sombra arranxado en bossa, por exemplo. Temos unha homenaxe ao Alalá das Mariñas, ao Rapaza, se vas arar-e, está moi presente o tema da terra co bailarín, as maletas, o barco... Unha historia dura, pero que nos gustaba contar.

—Coinciden os cinco no escenario ou hai intres nos que está un ou outro?

—Hai algo de todo, hai tempo xuntos e tamén tempo no que cada un temos os nosos momentos, o seu protagonismo, coa voz de Luís sempre presente. No primeiro ensaio puxéronseme os pelos de punta ao escoitalo recitar, só voz e música. Ricardo entrega a alma na danza e logo están eses auténticos musicazos. Paga a pena ver este espectáculo, de verdade, xa só pola carga de emoción que poñemos.