Señora Lamela: «Facta, non verba»

Jesús Picallo

CEE

Basilio Bello

17 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Entendo a política, e moito máis a de ámbito local, como un camiño que, lonxe de xerar problemas e conflitos, debe servir como punto de encontro e de debate para mellorar a vida dos veciños. É precisamente nese debate, nese intercambio de ideas e de propostas, onde reside a forza da democracia ao servizo do pobo… do noso pobo.  

Resulta triste, e pouco esperanzador para o Concello de Cee, comprobar como a súa alcaldesa é capaz transformar o labor de fiscalización do grupo maioritario da oposición nun choque dialéctico completamente afastado do que necesitan os veciños do seu municipio.

Señora Lamela: Excusatio non petita, accusatio manifesta. Ou o que é o mesmo, recoméndolle que olvide e deixe de lado a figura do Jesús Picallo, non perda o tempo en ameazas veladas e en tratar de desprestixiarme persoal e laboralmente para tapar as carencias da súa xestión.  

Facta, non verba, señora Lamela. A vostede, os veciños de Cee votáronlle para que goberne o noso municipio. Déronlle a súa confianza para que deixe un concello mellor que o que recibiu e non para que se parapete na súa «egocéntrica maioría» que cada vez a ten máis afastada das necesidades da nosa xente.

Cee non se merece o esperpento que protagoniza vostede cada vez que desde o Partido Popular presentamos propostas e criticamos a súa xestión. Esquece, señora Lamela, que os veciños esperan da nosa formación que achegue solucións alí onde vostede non é capaz de atopalas

Iso é a política…

E, gústelle ou non, seguiremos defendéndoa, seguiremos velando polo futuro de Cee e polo benestar de todos os veciños.

Faga o mesmo e quizás gañemos todos.