Calor e espléndida resposta do público no Día da Muiñeira de Cee

P. B. CARBALLO / LA VOZ

CEE

Cita fixa do 1 de maio na vila da Xunqueira, exhibiuse tradición nun ano ben especial

02 may 2025 . Actualizado a las 00:13 h.

O mércores desexaban que a choiva descargarse toda ese día, e o desexo cumpriuse. Tanto, que non só non choveu, senón que fixo «algo de calor de máis» na 37.ª edición do Día da Muiñeira de Cee. Así o contaba este xoves ao fío das oito da tarde Beatriz Louzán dende a organización, asumida pola asociación Terra de Sena coa colaboración do Concello. A esa hora recollían xa despois dunha tarde espléndida na que tomaron parte 14 entidades, uns 500 membros. Logo do pasarrúas dende o pavillón ata a Praza 8 de Marzo, bailaríns e tocadores foron recibidos polas palabras de Juanma Buiturón, quen xa leva uns anos sendo o mestre de cerimonias.

BASILIO BELLO

Previo ao concurso houbo baile conxunto nunha edición con especial afluencia de público, ao que puido axudar tanto o tempo como o feito de caer este 1 de maio, data fixa do encontro, en ponte: «A praza estaba chea». A xulgar polo tempo de deliberación, a decisión do xurado non foi doada. Tampouco se pasou por alto en Cee que este ano é especial, coas Letras Galegas para as cantareiras: «É unha homenaxe importante para as asociacións e grupos que nos dedicamos á tradición, queremos telo en conta».

CATEGORÍA A (MENORES 14 ANOS)

  • Primeiro premio (200 euros): Novo Viana (Cee)
  • Segundo premio (140 euros): Ximiela de Louro (Muros)

CATEGORÍA B (MAIORES 14 ANOS)

  • Primeiro premio (200 euros): Adail, de San Xoán de Calo (Teo)
  • Segundo premio (140 euros): Xirandaina de Santiago

*Participaron neste 37.ª Día da Muiñeira un total de catorce agrupacións, chegadas de municipios como Fisterra, Cee, Corcubión, Muros, Boiro, Santiago, Palas de Rei, Mera, A Coruña, Outes e Teo. Cada unha delas podía participar con diferentes grupos nas dúas categorías habilitadas.