Xosé Luís Mosquera Camba: «É admirable a enerxía do Batallón»

P. BLANCO / A. LESTÓN CARBALLO / LA VOZ

CEE

Xosé Luís Mosquera Camba, nunha imaxe de arquivo
Xosé Luís Mosquera Camba, nunha imaxe de arquivo MARCOS MÍGUEZ

Recollerá en Cee mañá, domingo, o galardón do I Certame Batallón Literario da Costa da Morte: «Encantadísimo», afirmou en Radio Voz

08 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Con sete obras poéticas xa publicadas en libro, outra á que lle deu saída en formato blog e un bo número de premios merecidos, Xosé Luís Mosquera Camba (Bergondo, 1961) di non considerarse un especialista na poesía galega, senón un gran lector dela. Mañá, domingo, nun acto previsto para as 21.00 horas, recibirá no auditorio Baldomero Cores o premio do I Certame Batallón Literario da Costa da Morte [este 2026 na modalidade de poesía], convocado dende o Concello de Cee, e do que resultou gañador. Interveu en Radio Voz Carballo:

—Como lle chegou o certame?

—Dun xeito moi natural, vin a convocatoria e andaba argallando cun texto entre as mans. A maioría da xente que escribimos poesía en galego penso que xogamos á ruleta dos certames, porque non hai moitas opcións para ver publicado un texto. Pareceume oportuno envialo e a partir de aí quedou xa nas mans doutros e doutras. Encantadísimo co premio, claro, mais hai un gran compoñente de sorte e azar nestas cousas. A chamada para comunicarmo dende Cee foi toda unha sorpresa, colleume nun centro de saúde e penso que a miña primeira reacción foi a de pensar que se trataba dun erro, pois con Cee non teño vínculo en directo. De calquera xeito, unha alegría. Sempre son estas novas as que un quere esperar.

—Que lle parece este certame no 30.º aniversario do Batallón?

—É admirable, sorprendente e fascinante que teñan aínda ese folgo, esa enerxía, ese ánimo e esa ilusión por seguir facendo cousas como colectivo. Considero un luxo para calquera comarca ter escrito ese capítulo da historia da literatura galega, neste caso a da Costa da Morte. Gran parte dos integrantes daquela aventura son hoxe nomes inseparables da historia contemporánea da literatura en galego. Que sigan dicindo aquí estamos, e que sigan facendo cousas que continúan a facer medrar as nosas letras, pois é de sacarse a gorra, como se di.

—Presentou «Infelices aves». Que quixo contar nesta obra?

—Cada persoa que se achegue ao libro, se alguén o fai, verá cousas que ao mellor para min non estaban alí, ou non verá outras que para min si están. A xeito de resumo, Infelices aves leva por subtítulo Traxicomedia lírica, e diría que é unha obra peculiar. Non son poemas soltos, senón con vínculo, un fío. Mestura personaxes fantásticos, imos dicir avestruces que falan con coñecemento da cultura, con sentimentos, frustracións e queixas do trato recibido pola natureza e o humano, cunha voz de poeta. A poeta ou o poeta chega a poñer ovos de avestruz. Todo iso que pode parecer cómico e de risa vai envolto nun sentimento que non desaparece e que ten tintes tráxicos, o que lle dá unha carga de profundidade ao texto.

—Vive un bo momento a poesía?

—Hai anos que se vén afirmando que a poesía galega está nunha idade dourada, e creo que si está nunha boa época. A nivel de Galicia a poesía en galego é a mellor poesía —porque tamén se fai en castelán—, pero tamén xa nas ligas internacionais hai poesía en galego moi digna de competir. Comparto o do bo momento, probablemente non tanto como fan soar algunhas campás, pero o triste é que se estea dando esa situación nun tempo no que estamos en horas moi baixas para a lingua galega.