Querida Virxe entre xuncos

Guadalupe Vázquez Formoso LABIRINTO NAS SOMBRAS

CEE

Procesión de la Virxe da Xunqueira del 2025
Procesión de la Virxe da Xunqueira del 2025 BASILIO BELLO

O mar de Cee garda segredos antigos. Contan os avós que nunha noite de vento bravo, cando o Atlántico bramaba enfurecido e o ceo rompía en raios sobre Cee, un barco buscou auxilio na ría. Aqueles mariñeiros desexaban un refuxio rápido, un respiro do medo. Cando a calma volveu e o barco debía regresar cara ao horizonte, unha forza invisible amarrou a nave ás augas e ningún dos mariñeiros foi quen de movela. Ao buscaren o motivo, entre o verde húmido dos xuncos, unha luz brillou tenra; era unha imaxe da Virxe co Neno.

Fora un abrazo da terra o que os retivera.

Hoxe, cada mes de agosto lembramos que esta vila naceu dun milagre mariñeiro e a querida Virxe dos xuncos segue custodiando as almas dos que miran cara ao mar con respecto e esperanza.

A festividade da patroa, xunto coa de San Roque, tamén patrón da vila, forma parte da identidade das súas xentes.

Celebrar a Xunqueira é abrazar a infancia e lembrar aos maiores, rescatar esas voces dos avós. O arrecendo a mar mestúrase coa alegría, co son das campás no santuario e con música. As rúas énchense dos sons de bandas e charangas, e as procesións fan vivir a emoción en cada recuncho.

As festas devolven ás súas casas a aqueles que un día marcharon, lembrándolles que o fogar arrecende a mar e a festa.

A Xunqueira, gardiana invisible, amiga protectora, aliada eterna que intercede en silencio, que coida dos nosos soños máis fráxiles, compañeira de viaxe que viviu a dor antes que nós pero decidiu amar sen medida, lémbranos, cada ano e cada día, que non camiñamos sós.

Viva a Xunqueira, viva San Roque e viva Cee!