Vilar Landeira, de volta no colexio Celso Emilio Ferreiro de A Silva 

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

O escritor e xornalista respondeu ás preguntas dos nenos e trouxo recordos ao presente, dentro do ciclo Biblioteca Humana deste centro educativo 

23 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Sobre literatura e medios de comunicación preguntáronlle moito este venres ao escritor e xornalista Ramón Vilar Landeira. Acudiu como invitado ao colexio Celso Emilio Ferreiro, de A Silva (Cerceda), con motivo do Día do Libro (hoxe, 23 de abril), pero que no centro conmemoraron onte.

Así, Vilar Landeira foi o destinatario das moitas cuestións de nenos de cuarto, quinto e sexto de primaria. «Lembro coma hoxe aquel primeiro día. Baixamos do autobús con moitos nervios. Eu aínda non cumprira os seis anos e para min aquilo era toda unha aventura. Os rapaces de primeiro fomos coñecer a nosa mestra. Chamábase Ana. Non son quen de lembrar a súa cara, pero si que nos recibiu cunha chea de bicos e chocolatinas», lembrou o escritor durante este seu paso polo centro. Vilar Landeira pertence á xeración de alumnos que estreou esta escola, no curso 1979/1980. Logo da entrevista, houbo foto de familia, risas e sinatura de autógrafos: en libros, cadernos e ata nas mans! A actividade estaba integrada no ciclo Biblioteca Humana, que persegue achegar actores sociais do entorno próximo á comunidade escolar.