O cercedense Ramón Vilar Landeira gaña o Premio de Xornalismo Lueiro Rei

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

BASILIO BELLO

Fíxoo cun artigo titulado «A veciña do segundo», recoñecemento ao papel dos maiores na sociedade

15 jun 2024 . Actualizado a las 23:43 h.

Incluso nos días máis borrallentos de 2014, nos que a nosa rúa era unha sucesión de edificios tristes e idoiros de auga, a primavera nacía uns minutos cando a veciña do segundo aparecía no portal...

Así comeza o artigo co que o escritor e xornalista Ramón Vilar Landeira (Rodís, Cerceda, 1973) vén de gañar o sétimo Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rei. Leva por título A veciña do segundo e impúxose entre os textos presentados, acadando a unanimidade por parte do xurado, un equipo que integraron o xornalista Ramón Rozas, o escritor Ramón Nicolás, a xornalista Carme Vidal e a coordinadora do premio, Carme Carreiro. Na súa escolla, o xurado destacou o artigo de Vilar por «transmitir, desde a emoción e a homenaxe, a relevancia que as persoas maiores teñen na comunidade, e o moito que poden achegar ás xeracións novas».

É «dende o cotián, desde os sentimentos, reparando en persoas que están ao noso arredor e moitas veces pasan case inadvertidas», que o cercedense explora este tema. «O autor fai un exercicio de recoñecemento, de homenaxe, a unha muller coa que cadra no fin da súa vida, mais que fica na memoria tempo despois da súa morte. O artigo fai así protagonista a unha muller de máis de noventa anos, coa que a voz que relata non ten relación familiar, mais deixa pegada imborrable na súa vida e a dos seus», trasladaron logo da escolla do artigo.

«Os vellos e as vellas son, moitas veces, grandes esquecidas no noso tempo. Están, pero moitas veces non se lles escoita, as decisións importantes xa non recaen nelas e pasan a ocupar un papel secundario que é, sen dúbida, inxusto. O artigo de Ramón Vilar dálle unha volta a esta situación, pon no centro esa veciña que tanto achega, que ofrece o mellor que ten, as leccións de vida que ficarán para sempre», incide o xurado. Destaca, doutro lado, o valor de que «un premio que ten como obxectivo premiar artigos de carácter social repare nun tema do que apenas se fala se non é como problema. Vilar fainos pensar desde outro punto de vista, desde o recoñecemento do tesouro que son as persoas maiores e convídanos a aproveitalo e recoñecelo». É o Premio de Xornalismo Lueiro Rei un galardón que concede o Concello de Fornelos de Montes, e será neste municipio onde se vaia entregar o vindeiro 23 de xuño, ás 12.00 horas, nun acto previsto no edificio Multiusos da localidade, coa intervención musical de Crúas.

Licenciado en Filoloxía Galega, Vilar Landeira leva a maior parte da súa vida laboral vinculado ao xornalismo. Ten publicados os libros Os televisores estrábicos e Un peixe no parqué, e recollidos diversos galardóns polos seus traballos. A veciña do segundo é un artigo aínda inédito, que poden ler na versión dixital desta nova.

A VECIÑA DO SEGUNDO [TEXTO DE RAMÓN VILAR LANDEIRA]

 Incluso nos días máis borrallentos de 2014, nos que a nosa rúa era unha sucesión de edificios tristes e idoiros de auga, a primavera nacía uns minutos cando a veciña do segundo aparecía no portal. Naquel lapso de tempo esfumábase a pantasma da crise e da precariedade. Hai dez anos daquilo, pero na familia lembramos ben as raiolas de luz que acompañaban o andar artrítico da señora Luísa.

Roi e Martiño adorábana. Non era para menos. O seu bolso era o máis semellante ao peto máxico de Doraemon: un caramelo, un chupa, o cromo dun futbolista... e se rebuscando naquel universo paralelo non atopaba nada ao xeito, como a mellor das prestidixitadoras, facía aparecer un billete de cinco euros, tan coidadosamente dobrado que semellaban un selo.

-Tomade que seghuro que habedes ter mozas e quereredes convidalas a un chocolate con churros, ou non?

Mentres o maior desenvolvía coas súas mans diminutas o diñeiro, o pequeno seguía a escena parapetado detrás do chupete. Despois falaba con nós. Quería saber se os nenos durmían, se as nosas familias estaban ben, se nos afaciamos na vila, se Marta conseguira traballo... incluso, baixando a voz, preguntaba se necesitabamos cartos.

-Calquera cousa dicídeme. Eu ben vexo na televisión como está todo.

-Agradecémosllo moito! Pero imos tirando.

Chegamos a ter unha relación moi afectuosa con aquela muller que dicía ter “oitenta e demasiados anos” (noventa e un, segundo unha sobriña que a viña visitar). A idade cronolóxica era o de menos. O paso do tempo non lle borrara nin a mocidade dos ollos nin un humor que despexaba o día máis anubrado.

-Señora Luísa, como está hoxe?

-Pois mira, neno, aínda non che debo estar tan mal que veño do médico e pediume que me espise de todo.

Pasaron xa dez anos e canda eles multitude de idoiros de auga (tamén de dias solleiros). Marta atopou traballo, Roi salta os cavorcos da adolescencia e o que zugaba no chupete comeza o vindeiro curso o instituto. A vida foxe e vai deixando atrás un ronsel. Tamén á señora Luísa. A senilidade mostrou a súa cara menos amable e ela foi consciente. Nunha das últimas conversas nas que asomou algo de lucidez confesoume que só botaba de menos non ter nacido algunhas décadas máis tarde.

-Quen me dera andar no coche como as rapazas de agora!

Poucas semanas despois levárona para un centro. Vímola un par de veces, nunha ata lembrou o nome dos nenos. Despois asaltouna unha brétema mesta da que xa nunca máis puido desprenderse.

Esta mañá, camiño do traballo, sentina ao meu carón. Nun debate radiofónico alguén, moi irritado, afirmaba que era un disparate seguir ligando a suba das pensións ao custe da vida, que se o déficit, que se Europa, que se a hipoteca que suporá para as xeracións futuras... Apaguei a radio. Pensei na inxente rede de Luísas que ofrecen o pouco que teñen para que a vida siga. De todas elas aprendín que só a xente salva á xente... e que as primaveras se abren cos billetes máis pequenos.