Placas conmemorativas, un mural e varios espectáculos en Cerceda, outro dos epicentros das Letras deste ano
CERCEDA
A programación municipal comezará este venres coa colocación de placas conmemorativas nas vivendas de dúas das homenaxeadas: Rosa e Adolfina Casás
13 may 2025 . Actualizado a las 22:32 h.Moito que festexar este ano en Cerceda polas Letras Galegas, pois dúas das homenaxeadas, Rosa e Adolfina Casás, foron naturais deste municipio. O Concello vén de dar a coñecer un programa de actos que arrincará este venres, día 16, coa colocación de placas conmemorativas nas vivendas das cantareiras (18.00) e coa representación da obra As Ferreñas (19.00).
Continuarán as actividades o propio día 17 coa inauguración dun mural en homenaxe as pandeireteiras e coa actuación do grupo local A Xunqueira das Encrobas (11.00). Seguidamente, terá lugar o contacontos As Cantareiras no auditorio (12.00). O domingo, día 18, poderá verse no mesmo recinto a peza teatral Agora que vén a noite (12.00), e o venres 23, por último, o público poderá gozar do espectáculo audiovisual 586 cantos, con imaxes e música en directo (19.00).
Presentación de Xabier Díaz ou contos en Zas: isto é o que traen hoxe as Letras Galegas á Costa da Morte
Nestas xornadas previas ao gran día das Letras Galegas, vanse sucedendo os actos conmemorativos na Costa da Morte. Isto é o que hai previsto para hoxe:
Vimianzo · O auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo acollerá hoxe, a partir das oito da tarde, a presentación do Cancioneiro galego serodio de Xabier Díaz. A actividade forma parte da programación vimiancesa polo Mes das Letras.
Zas · Continúan en Zas as actividades de animación á lectura da man da compañía teatral Trinke Trinke. Desta banda, e logo da sesión de onte na axencia de lectura de Baio, os Ratos de Lonxedetodo levarán o espectáculo Contos para andar o camiño á biblioteca municipal zasense: 18.00 horas.
Baio · Continúa a décimo novena edición da Semana Cultural do instituto Maximino Romero de Lema. Hoxe serán varias as propostas: música tradicional, cociña básica para futuros universitarios, fotografía para o emprendemento, química, educación afectivo-sexual ou un encontro literario. Proseguirán as actividades ao longo de toda esta semana, para distintos niveis educativos do IES baiés.
Muxía · O PPdeG conmemorará hoxe o Día das Letras Galegas cun acto que terá lugar no Parador Costa da Morte (19.30). Participarán a secretaria xeral, Paula Prado; o responsable de Cultura, Lingua e Xuventude do Goberno galego, José López Campos; a coordinadora de Cultura do partido, María Baleato, e a portavoz local, Sandra Vilela.