Richi Casás, familiar de dúas cantareiras homenaxeadas: «Volveu florecer toda esa raíz que estaba aí enterrada»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

Richi Casás, no túnel da Vila da Igrexa, Cerceda, parte da súa paisaxe sonora e vital
Richi Casás, no túnel da Vila da Igrexa, Cerceda, parte da súa paisaxe sonora e vital ANA GARCÍA

Pensaba el que os cantos de súa avoa Rosa e da madriña Adolfina morrerían con elas. Mais a vida gardaba unha sorpresa en forma de Letras Galegas que están erguendo en foliada todo un pobo

16 may 2025 . Actualizado a las 22:41 h.

Está a ser un 2025 e un maio particularmente intenso para Richi Casás (1977), unha das voces máis buscadas como artista e como neto que é de Rosa Casás Rama, unha das homenaxeadas estas Letras Galegas 2025, ao igual que súa madriña Adolfina. Coma o resto de familiares das cantareiras honradas, Richi sente orgullo.

­—Semellan as Letras máis vividas.

—Si. En Galicia temos decenas de miles de persoas que tocan a pandeireta e cantan tradicional. Están os colexios, e en toda canta vila hai existen pandeireteiras que poderán actuar esta semana.

­—Queda acreditado que hai luz logo desa «xeración túnel» da que fala no seu libro «Fuliada na Vila». Volvemos á tradición.

—Efectivamente, esas xeracións a partir da miña que nos volvemos preguntar quen somos e que necesitamos, se un ocio activo ou pasivo. Cada vez máis xente prefire a foliada. Hai cada vez máis cantos de taberna, pandeireteiras e grupos que fan música multitudinaria a partir das cantareiras. Reviviu esa maneira de xuntarse.

­—Que é o que máis o emociona do que está vendo, como artista e como neto?

—A pesar de que a celebración parte dunha Academia, algo culturalmente elevado, o que máis me emociona é ir aos colexios e ver os nenos cantando. É algo que a miña xeración non tivo. Non sabiamos desta maneira de pasalo ben. Eu tiña 12 ou 13 anos cando escoitei por vez primeira a miña avoa. Hoxe vexo nenos a partir de 3 cantando estas cancións e emocióname por dúas cousas. Primeiro, porque é unha música inclusiva, a música tradicional permite a todo o mundo participar, cantando, bailando, tocando. Segundo, porque esta é a primeira xeración, logo desa xeración túnel, que volve gozar disto dende bebés. Volve florecer toda esa raíz que estaba aí enterrada.

­—Pensou algunha vez que os cantos de Rosa e Adolfina acabarían desta maneira?

—É marabilloso, unha lotaría que nos tocou, porque elas non son nin mellores nin peores pandeireteiras ca ningunhas. Cando escribín Fuliada na Vila no 2020 pensaba que os cantos de Rosa e Adolfina ían morrer con elas, e o único que quería era que saísen nun disco, que alguén os escoitase e que ao mellor alguén os volvese cantar. Non esperaba isto. Hai moita xente preparando repertorio de Rosa e Adolfina e iso é algo que colma todas as miñas expectativas.

—Comparten esa ledicia na familia?

—Si, estamos moi pendentes de todo o que se vai publicando, están facendo un mural en Cerceda, outro na Coruña... Vemos a nosa avoa e madriña en carteis, en xornais... dúas mulleres anónimas que non aspiraron nin agardaron esta difusión. Meréceno, elas e todas as avoas, que son igual, igual, igual ca Rosa e Adolfina.

—Vaia foliada que armamos!, dirían.

—[Ri] A que se montou!

Rosa e Adolfina, por Dorothé Schubarth, ano 1980 / APOI / MUSEO DO POBO GALEGO
Rosa e Adolfina, por Dorothé Schubarth, ano 1980 / APOI / MUSEO DO POBO GALEGO DOROTHÉ SCHUBARTH / APOI / MUSEO DO POBO GALEGO

—Coordina para este venres 16 de maio en Carballo o Concerto das Letras do Consello da Cultura Galega. Once artistas de distintos rexistros nunha banda efémera, Do Bertau. Foi difícil semellante xuntanza?

—Todos están afeitos a traballar coa súa música e con outras. Reunimos música tradicional con jazz. A música galega, riquísima, dá moitas posibilidades para crear cousas novas, e o jazz [a súa rama] é o estilo especialista en adaptarse a calquera tipo de música. Logo foi un traballo de arranxos, toda a banda, con peso de Ismael Marcos e Fran Barcia [as entradas están esgotadas, pero pode seguirse en streaming dende a web do CCG, 20.30].

—Que pouso querería que deixaran estas Letras? Ten falado dos arquivos.

—Iso é moi importante, que as institucións que albergan arquivos sexan máis conscientes do valor e importancia que ten o seu coidado, mellora e posta a disposición, así como que haxa xente traballando neles, investigadores, estudantes, músicos. Que as institucións se puxesen de acordo en ter un arquivo centralizado, público e de calidade que poder consultar dende internet. Máis alá diso, non me atrevo a desexar nada, con Fuliada na Vila desexei pouco e mira todo o que veu... Só que isto siga, que esta roda siga xirando. Artigos, libros, documentais... téñenme falando ata de que a historia da música tradicional se presta a contar en cine, unha biografía de Dorothé... Deixémonos sorprender, este proceso non está dirixido por ninguén, lévao dentro o pobo.