





























As casas das dúas homenaxeadas cercedenses nas Letras Galegas locen dende este venres placas na súa memoria
17 may 2025 . Actualizado a las 00:33 h.«Cando Adolfina e Rosa naceron, ademais de traer vida, xa traían consigo o canto. Cantábanlle a todo. Cantaban nas foliadas. Cantaban para suavizar a pena, para deixar de escoitar un pouco a fame. Creaban, transmitían, facíano máis grande». Carlos García Casás, neto de Adolfina, falou así este venres destas dúas mulleres da Vila da Igrexa, Cerceda, dúas das homenaxeadas estas Letras Galegas. Fíxoo nun acto que tiña por fin descubrir sendas placas nas que foran as súas vivendas, unha homenaxe promovida dende o Concello para agradecerlles ter traído a Cerceda as primeiras Letras Galegas da historia e a súa contribución á cultura galega.
Juan Manuel Rodríguez, alcalde, chamou a defender a tradición e a lingua («falándoa, escribíndoa, léndou ou cantándoa, coma elas») e reivindicou a importancia de «referentes» como as propias Rosa e Adolfina: «Á súa altura é moi difícil estar». En torno a elas deseñaron un programa de actos presentado pola edila Cristina Capelán, e que inclúe para este sábado 17 e maio a inauguración dun mural en torno ás cantareiras (11.00, centro cívico) e un contacontos no auditorio, ás 12.00.

«Vivan Rosa e Adolfina! Viva A Vila!». Así, e con coplas nas voces de Maruja, Alicia, Maricarme e a nena Sara, rematou un encontro sinxelo, pero emotivo, que reuniu familiares, corporación e veciños. «Elas viven dentro de nós», afirmou Carlos. Se un día as da Vila pensaron que aquilo que facían xa non valía, xa non estaba de moda, caeron na conta de que gardaban un tesouro cando petou na súa porta a suíza Dorothé Schubarth. Aquela muller «que aprendeu a nosa lingua, a nosa cultura, as nosas costumes», evocou Carlos, axiña se gañou a Rosa e Adolfina: «Foron felices cantándolle, caeulles moi ben (...) A misión que tiñan quedou cumprida e ben cumprida». A Felicidad, nora de Rosa, viñéronlle as bágoas aos ollos ao lembrala: «Estamos contentos, e se Antonio e Rafael, os fillos, visen todo isto...».

Carlos, admitiu, soñou moito cunha música galega que fora identidade, «e resulta que a tiñamos». Pasaron anos para vela como hoxe, con cantareiras do século XXI, herdeiras, «enchendo coliseos», «mais cando hai un tesouro sempre chega alguén». E chegou.