«O libro negro da lingua galega» fixo parada en Corcubión

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CORCUBIÓN

O seu autor, Carlos Callón, estivo acompañado por Serxio Iglesias. Promoveu a Universidade Popular

14 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A presente semana botou a andar con intensidade cultural por Corcubión, onde o local da asociación Universidade Popular acolleu a presentación da obra O libro negro da lingua galega, da autoría de Carlos Callón. Tivo o escritor como presentador ao profesor e escritor corcubionés Serxio Iglesias, quen ante un nutrido auditorio repasou a traxectoria da implicación de Callón na defensa da lingua galega. Segundo dá conta a propia Universidade Popular nas súas redes, o autor da obra incidiu en como ao longo de cinco séculos os diferentes poderes trataron de silenciar o idioma.

Unha intervención nutrida en datos que o público escoitou con interese, quedando para o final un coloquio. Dende a asociación organizadora agradeceron tanto a presenza de Callón como a de Iglesias, desexando para o galego «mil primaveras máis». Xerais e A Mesa pola Normalización Lingüística colaboraron neste acto de presentación dunha publicación que se centra en recoller e explicar testemuños de represión lingüística en Galicia ao longo dos anos, con divulgación de documentos moi pouco coñecidos ata hoxe.