Datas e cartel para o Mercado Medieval de Corcubión 

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CORCUBIÓN

ANA GARCIA

Marinna Mouzo é a responsable das ilustracións este ano. O mercado irá do 25 ao 27 de xullo

03 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Non poucos están pendentes de elixir vacacións en función de cando se celebre o Mercado Medieval de Corcubión. Misterio resolto. A 23.ª edición será a última fin de semana de xullo, do venres 25 —día de Santiago Apóstolo— ao domingo 27. Déronse a coñecer este venres as datas e carteis, dúas obras de Marinna Mouzo, unha para o mercado e outra para o Desembarco. «Seguimos na liña de apostar polo talento local», precisa Alejandro Lamas dende a asociación Cantigas de Doana Xoana, organizadora.

O Desembarco será o 25, parece que coa marea a favor para que sexa na praia urbana, «magnífico anfiteatro natural» e a un paso para volver ao mercado. Na xuntanza de onte houbo agradecementos varios e inicio de organización veciñal. Soe estar a xente predisposta a botar unha man, así que se irán especificando cometidos alí onde máis faga falta: carpintería, costura... Tamén se abre prazo para os postos, dos que se deron unhas indicacións básicas.