
Cre que a robotización e a monitorización de tarefas poden contribuír á fixación de xente moza no agro
21 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Parece que o futuro no medio rural tamén pasa polas novas tecnoloxías. José Manuel Campos, dende a Federación EFA Galicia, abordou onte no programa Voces do Agro, conducido en Radio Voz por Luis García, director da EFA Fonteboa, un interesante proxecto no que traballa, un programa Erasmus+ que responde ao nome Smart farm training for employment: Formación en granxas intelixentes para o emprego. Presentarase precisamente hoxe (10.00 horas) no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), en Santiago, con representantes das distintas partes implicadas. Quedan dous anos por diante para traballar.
-¿En que consiste o proxecto?
-A idea é identificar ou ver, a nivel europeo, as novas tecnoloxías en canto a robótica, ou sensores, por exemplo, que xa se empezan a aplicar no eido da agricultura. O obxectivo final sería facer un compendio de todas esas novas tecnoloxías e relacionalas cos novos empregos ou ocupacións que van xurdir a raíz destas innovacións, coa idea de que se poida utilizar nos centros educativos.
-Erasmus+ é a nova modalidade de programas da Unión Europea. Antes, o Erasmus asociabámolo só ao mundo universitario, pero agora inclúese tamén formación profesional ou de investigación.
-Si, e de feito agora hai máis aposta pola formación profesional, e tamén por todo tipo de proxectos que supoñan innovación en educación, emprego e demais.
-No proxecto hai unha entidade coordinadora, a Consellería de Educación, e logo outras asociadas.
-Efectivamente, a coordinación é da Consellería de Cultura, pero o resto de socios serían a Universidade de Santiago, en Lugo; estaría a Philips University of Marburg, en Alemaña; a Asociación de Cámaras de Agricultura de Francia, e tamén unha organización educativa de Eslovenia. O primeiro paso sería a detección das innovacións e realizar un informe exhaustivo no medio rural, e a partir de aí o seguinte paso sería a creación dunha web, unha granxa demostrativa online, na cal a idea é que haxa varias vías de entrada. Que entre un gandeiro, un agricultor, un agroforestal ou un empresario, digamos, e ver que tecnoloxías se están empregando nas súas áreas. Ou un alumno que estude un ciclo ou incluso universidade e ver que posibles saídas ou novas ocupacións van xurdir nos próximos anos. E, por outro lado, profesores que poidan adaptar a súa formación ao que vai xurdindo, ou orientadores que poidan ver cara onde poden orientar a un alumno en canto a especialización.
-¿Que novas tecnoloxías veñen?
-A nivel xeral, o principal que vai xurdir na agricultura, ao meu parecer, é a robótica, a robotización de moitas áreas de traballo. Outro campo moi importante é a monitorización de cultivos. De feito, agora que se está falando da praga da pataca, unha das opcións que xa existen sería a monitorización constante dos cultivos, incluso co obxectivo de detectar o momento no que salte a couza ou o momento de poder actuar. O abano de novas tecnoloxías é enorme, pero vai por esas dúas liñas: robótica, monitorización, big data, análise de datos...
-Os especialistas usan o termo «monitorización» de xeito habitual, pero para aqueles que non o son tanto. ¿En que consiste?
-Nun cultivo de pataca, por exemplo, sería a colocación no cultivo de sensores que mirarían constantemente rango de temperatura, humidade, cantidade de luz solar... Poderíase medir practicamente todo. Eses datos habería que analizalos, procesalos, e que un ordenador ou dispositivo móbil che avise de certas condicións. Por exemplo, que nese momento se dan as idóneas para que salte a couza da pataca.
-E isto pode ser aplicado nos tres subsectores do sector agrario.
-Si, a idea é atraer aos mozos ao medio rural, en canto a novas oportunidades de emprego. Por iso nos imos centrar inicialmente na produción agrícola, gandeira e forestal, que son ademais os que máis potencial teñen en canto a aplicación de novas tecnoloxías.
-¿Poderiamos pensar, José Manuel, que isto é un pouco un ‘bluf’ ou é inevitable que vaiamos cara este mundo de innovación?
-É un proceso, na miña opinión, inevitable. Imos cara aí. Se nos fixamos en nós, hai dez anos ninguén tiña un smartphone. Hoxe en día case todo o mundo o ten e ata fai a compra con el. O mesmo pode pasar co resto de elementos, se nos imos a outros sectores. Coches autónomos ou tractores autónomos xa están no mercado.
-¿Tractores sen tractoristas?
-Si, xa existen a día de hoxe. O único problema actualmente é adaptar a lexislación. Coches e tractores autónomos, e camións que chegarán máis ben pronto. O que hai que analizar, e ese tamén é un dos obxectivos do proxecto, é a rendibilidade económica. As novas tecnoloxías van trunfar ou expandirse no momento no que sexan economicamente rendibles. Aí está o quid da cuestión. Xa está pasando co muxido: hoxe en día hai robots en moitas ganderías de Galicia.
-Un dos problemas que ten o medio rural é o baleirado demográfico. ¿Cre que isto pode atraer poboación nova ao rural?
-É o obxectivo, facerlle ver aos mozos que no medio rural hai máis traballo ca o que se ve actualmente. O medio rural para atraer xente ao mellor unha das necesidades que ten é a calidade de vida: todo o que é a robotización dos procesos implica unha mellor na calidade de vida, menos traballo físico, menos horas de dedicación... Penso que iso pode contribuír bastante a atraer xente ao medio rural.