Villa Regina: unha granxa escola «á súa maneira»

Luis García / Marta López CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

Ana Garcia

Poesía e tradición oral son dous ingredientes básicos da granxa escola Villa Regina, impulsada por Regina Muñiz en Montouto, Santa Comba

02 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Villa Regina é moito máis que un espazo no que achegarse aos animais e saír a dar un paseo a cabalo. Esta granxa escola, aínda en fase moi inicial, bebe da tradición oral e de todo aquilo que distingue á cultura de aldea. Poesía, música, festividades, colleita tradicional, plantación ecolóxica... «É unha granxa escola á nosa maneira», resume a impulsora, Regina Muñiz Gerpe, que participou esta semana na sección Voces do Agro, emitida en Radio Voz e dirixida polo director da EFA Fonteboa de Coristanco, Luís García. Neste centro de Bergantiños seguiu cursos de elaboración de derivados lácteos e de monitores de tempo libre.

Dende a parroquia de Montouto, en Santa Comba, Regina pretende atesourar moitas desas cousas propias do rural que «se están perdendo», dixo durante a súa intervención. «Gustaríame que fose un encontro de xeracións no que transmitir lendas, contos, música... Todo iso estase perdendo e quero que nesta granxa escola quede reflectida toda esa cultura do rural, no sentido máis amplo», sinala.

Con ela, Sara Arribas, a parella do seu fillo Guillermo. Xuntas comezaron esta andadura tuteladas pola Fundación Juana de Vega ao abeiro das axudas ao emprendemento que esta entidade concede anualmente. Antes Regina tiña unha pequena explotación leiteira, mais este soño sempre estivo presente: «Cando Sara soubo del quixo sumarse e apoiarme», sinala.

Ana Garcia

Unha hectárea é a superficie que teñen reservada para esta granxa escola, que xa dende a propia entrada deixa entrever as súas peculiaridades. Un fragmento dun poema invita ao visitante a cultivar a terra ao xeito tradicional, sen químicos, sen adulterala. «Para levar unha vida sá non só hai que comer saudable, senón que hai que empezar xa polo campo, cultivando os alimentos da forma tradicional», explica Regina, que quere transmitir, así mesmo, «a simbiose entre os animais e a horta».

Unha porquiña celta, cabras, galiñas... Animais propios de granxa que conviven con iniciativas tan curiosas como o labirinto do millo, no que as promotoras contrapoñen as sementes autóctonas ás comerciais, para amosar a diferenza na calidade e no resultado. Falarán destes aspectos mediante diferentes obradoiros e talleres que abarcarán todo o proceso: o cultivo, o coidado da colleita, a recollida, a esfolla e a preparación, por exemplo, de pan de broa. «Aquí tamén entrarían as festas tradicionais, como as que se formaban arredor da esfolla, na que os labradores contaban contos e lendas cando se reunían», debulla a protagonista.

É un espazo para perderse, pero ao mesmo tempo para atoparse a un mesmo na tranquilidade que aporta un espazo no que o tempo deixa de correr a toda velocidade. «Lonxe do estrés das cidades», exemplifica Regina, e gozando de praceres tan sinxelos como a observación das abellas e as bolboretas que se concentran arredor das plantas aromáticas que teñen distribuídas por toda a propiedade.

Rehabilitación

Este oasis situado a poucos quilómetros da zona urbana de Santa Comba está aínda en fase embrionaria e as promotoras están rehabilitando diferentes espazos para acoller actividades nun futuro. Empregarán, por exemplo, as cuadras, ou tamén un antigo hórreo próximo a un regato. Polo de agora só coñecidos e meniños da parroquia puideron gozar deste espazo e as primeiras sensacións non puideron ser mellores: «Encontreime encantada e creo que eles tamén se sentiron moi libres e cómodos», rememora Regina, «todos xuntos ai aire libre, sentados nunhas pacas e compartindo a merenda. Sobre todo, tendo tempo para todo, para perderse alí dentro e desconectar».