Juan Carlos Villar Angeriz, presidente da asociación Gaseosas de Galicia: «Entre botellas e sifóns temos mais de mil envases diferentes»

Loreto Silvoso
Loreto Silvoso A CORUÑA

CORISTANCO

Juan Carlos atesoura mais de mil envases en Coristanco
Juan Carlos atesoura mais de mil envases en Coristanco Ana García

«Esta bebida foi tan popular nos anos 60 porque era moi asequible», resaltou

10 mar 2023 . Actualizado a las 15:48 h.

Juan Carlos Villar Angeriz é de Coristanco, é garda civil e tamén é o autor do libro Apuntes sobre a gaseosa na provincia da Coruña. «Cando viña xente a apañar as patacas, era algo que se consumía moito». Como a historia desta bebida sempre espertou a súa curiosidade, quixo recompilar as principais marcas locais de gaseoseros na Coruña.

—Como se sumerxe no tema?

—A min xa de cativo se me deu por xuntar trapalladas, ferros e demais. Nese tempo tiña unha caixa de gaseosas desas que todos lembramos, co peche de alambre arriba. Anos despois empecei a preguntar polos fabricantes da zona e dinme conta que houbera máis do que parecía.

—Comezou cos embalaxes?

—Ese foi o xerme. Estiven doce anos así. Cando esgotei esta pequena busca do tesouro dos envases, deume por recompilar calquera cousa que tivera que ver: facturas, máquinas, publicidade...

—Púxose algún límite?

—Que todo fora de orixe galego. Do que mais teño é da Coruña, o que me levou a publicalo.

—Tamén ten unha exposición.

—Temos unha sede onde está todo exposto. Entre botellas e sifóns temos máis de mil envases diferentes. En abril faremos aquí a presentación do libro.

—Por que houbo tanto furor?

—A finais do século XIX a gaseosa xa existía baixo licenza farmacéutica, pero era máis para as clases pudientes. Na Coruña, por exemplo, os da burguesía incipiente ían polos recén creados xardíns de Méndez Núñez a tomarse unha laranxada. A partir dos anos 60, esta bebida fíxose moi popular porque se converteu nun produto bastante económico e asequible para toda a xente. Os comerciantes viron o tema e creáronse moitas fábricas.

—Cantas houbo por aquí?

—Cada localidade tiña unha pequena fábrica de gaseosas perto. Era unha xente moi emprendedora. Arriscaban bastante, pero era un negocio moi local. Facían o reparto case a man ou nunha camionetiña, porta por porta.