Unha de cómaros que xa se poden ler, con Xosé Antonio Andrade 

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CORISTANCO

BASILIO BELLO

O avogado e escritor coristanqués ten nova obra nas librarías, editada por Espiral Maior

09 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Un cómaro, segundo o dicionario, é unha pequena elevación do terreo de pouca extensión. Pero é tamén unha banda de terra sen cultivar que bordea unha veiga. O avogado, edil e escritor coristanqués Xosé Antonio Andrade ten os seus propios, tanto así que vén de publicar Os cómaros da vida (Diarios 2020-2022). A obra, editada por Espiral Maior, está chegando ás librarías, algo que celebra non só o propio autor, senón tamén o seu editor: «Antonio Andrade Figueiras en estado puro. Vida e literatura unidas, fundidas. Como diría Manuel María, estamos diante dun libro que levaremos con nós ‘como se fose unha brasa a nos arder na man’», publicou Fernán Vello nas súas redes.

Levedarán estes días as primeiras valoracións de lectores, pero semella que de entrada, ou para un lado ou para o outro, ninguén ficará indiferente: «A vida está chea de cómaros, estes xa se poden ler», adiantaba Andrade. O que ofrece é unha crónica de carácter persoal, con ironía e poesía, cómaros emocionais, accidentes do vivir, lampexos dramáticos... Confesións, reflexións e visións co selo tan seu do coristanqués.