
Asociación Lourido e comisión de festas promoven a festa para o 1 de marzo, no municipio de Coristanco
21 feb 2025 . Actualizado a las 20:48 h.Pasaron máis de cincuenta anos dende a última vez que se fixo, máis de medio século, pero a memoria por sorte perdurou, e agora recupérase. Volve a Valenza de Bergantiños, en Coristanco, o Antroido do Burro. Volverán aquelas xornadas de xogo, ledicia e personaxes «inconfundibles», como o propio burro co seu rabo de toxo, pero tamén a vella, os peliqueiros agochados «nas súas pelicas de coello», os vellos varreduiros, as madamas e ghaláns... A recuperación foi obra da asociación Loureiro e a comisión de festas desta pequena aldea, que agora convoca á veciñanza e aos amantes das tradicións a unirse á celebración o vindeiro 1 de marzo, ás 17.00 horas, na praza de Castroboo: «Regresa unha das festas máis queridas e características do ciclo do ano», anuncian. Volverán aquelas figuras todas aos rueiros «para devolverlle a Valenza o colorido, a música e a diversión doutrora».

Na praza haberá ademais unha cantina, instalada pola comisión de festas, onde aqueles que se acheguen poderán degustar filloas, orellas e, «por suposto, mollar a palleta namentres participan desta tradición popular». Dende as dúas entidades recuperadoras deste Antroido do Burro fan un chamamento ás xentes das parroquias veciñas, e incluso de máis aló, para así recuperar con pulo «unha tradición que, malia estar agochada durante anos, nunca foi esquecida».
Tributo ás pandeireteiras
De paso que se promove este encontro, a comunidade de Valenza tamén quere render tributo ás pandeireteiras de Lestón. Ano propicio este 2025 para facelo, coas Letras Galegas dedicadas á literatura de tradición oral a través da figura das cantareiras. Mencionan a Consuelo de Cristino ou Maruxa d’Allo, pero foron moitas outras, «fundamentais nas derradeiras foliadas dos cabanotes e ruadas do entroido».

«Este recoñecemento é un pequeno agradecemento ao legado musical e cultural transmitido polas nosas nais e avoas, indispensables na transmisión da cultura popular da nosa terra», engaden. A Costa da Morte suma así, pois, outra cita de identidade, como hai por Cerqueda (Malpica), ou por Oza (Carballo).