Lea aquí os 5 contos de primaria galardoados no certame Territorio Vákner

La Voz CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

MON OUTEDA

La Voz de Galicia e Concello de Dumbría entregaron xa os galardóns

01 oct 2023 . Actualizado a las 00:28 h.

La Voz de Carballo e Concello de Dumbría entregaron en O Conco os galardóns correspondentes aos certames literarios Territorio Vákner, dirixidos tanto a ámbito escolar como a adultos. A continuación, os cinco contos que maior puntuación acadaron por parte do xurado na categoría de educación primaria

1. PRIMEIRO PREMIO PRIMARIA. A bruxa e o Vákner. De Mireia Traba Ronquete (colexio Santa Eulalia de Dumbría)

Nunha década de antano viviu aquela muller que todos os veciños temían, coñecida por facer conxuros e feitizos. Toda a xente que por alí pasaba quedábase máis tempo do que desexaba. Todo, polos conxuros que lles facía. Aproveitaba para poñelos a traballar nas leiras para ela. A xente do lugar avisaba aos peregrinos que tiñan que pasar por alí, pero aínda así sempre caía algún. Pasaba un día un cun sombreiro negro e un bastón dourado. A bruxa Cartuxeira quedou abraiada e engaiolada polos ollos daquel home, tanto, tanto, que decidiu que non o deixaría marchar nunca! Conxuro tras conxuro, feitizo tras feitizo e unha chea de bebedizos facían que aquel señor non seguira camiño nunca. Tal era a súa obsesión que chegou a convertelo nun malvado home lobo ao que chamou Vákner, e que se dedicaba a atacar peregrinos e incluso a devoralos. Así transcorreron os anos ata que pasou por alí un home que sabía de conxuros e levaba con el amuletos que o protexían da maxia de Cartuxeira. Atopouse co Vákner e deulle un que desfixo todos os conxuros, volvéndoo á súa forma humana. En canto se viu libre, botou a correr sen mirar atrás. Cando Cartuxeira se decatou, xa era tarde. A cheminea botaba fume espeso de tantos conxuros que preparou para que volvera. Ata fixo chover e tronar! Foi en busca de quen desfixera os feitizos chegando a conxelalo alí mesmiño onde o atopou. De seguido converteuno no novo lobishome, Vákner. Pasados os anos a bruxa desapareceu, pero a xente di que ao anoitecer aínda se escoitan ouveos e ao lonxe vese fumear a cheminea dos feitizos. Os peregrinos evitan pasar pola zona desde que comeza a anoitecer. Por algo será...

2. SEGUNDO PREMIO PRIMARIA. O punto de vista das historias. De Aroa Conde Cambeiro (colexio Manuela Rial Mouzo de Cee)

A historia que veño a contarvos é unha historia na que non acaban sendo finais felices e comendo perdices. Ou si, depende do punto de vista. Esta historia é de hai moitos anos, dos meus antepasados. A día de hoxe non sei que é verdade e que é mentira, porque xa sabedes que nas historias, dependendo quen a conte, a interpretación cambia moito.

O Camiño de Santiago é algo que se fai dende hai moitos anos e consiste en vir a Santiago dende diferentes partes de España e do mundo, pero para rematar de forma axeitada tes que vir a Fisterra. Para facelo pasas por moitos sitios, como Cee, Corcubión, Dumbría, Santa Comba... E na nosa zona, chamada Costa da Morte, hai moitas lendas de bruxas, de santa compaña, pero tamén dun home lobo chamado Vákner.

O Vákner, cando existiu, se xa non existe, porque que eu teño as miñas dúbidas e xa o entenderedes, foi perseguido durante moito tempo por ser diferente aos demais. E xa sabedes como é a xente cos que somos diferentes...

A función do Vákner ou do home ou muller lobo, que non se sabe o que era, é a de coidar os bosques, a natureza, os animais e sobre todo das xentes que vivimos nas zonas polas que pasa o Camiño de Santiago. Isto é debido a que ao protexer o que nos rodea fai que chegue xente nova e se namore das nosas paisaxes, da nosa xente... Conto esta historia porque pensan que o Vákner xa non existe e nada máis lonxe da realidade. O Vákner está dentro de todos os galegos e galegas que amamos a nosa terra, a nosa lingua e sobre todo que apoiamos o diferente en lugar de afastalo ou querer facerlle dano.

BASILIO BELLO

3. TERCEIRO PREMIO PRIMARIA. O Vákner, de Marco Calvo Gens (Manuela Rial)

Era unha fría tarde de inverno cando de súpeto sentín unha sensación de medo que me atravesou de arriba a abaixo por todo o corpo. Ía cara Fisterra polo Camiño Real, cando a altura do cruzamento de Figueira, alí estaba, tal cal a última vez, impoñente e horrible, un monstro saído das mesmísimas entrañas da terra, sen vida, convertido en estatua de ferro como castigo a tantas lendas inventadas ao longo dos séculos. Era o Vákner! Cando era neno e nas noites longas de inverno, na casa dos meus avós, rodeando a lareira, agolpabámonos os nenos cos maiores para oír todo tipo de historias incribles, rodeadas de misterio. A que máis me chamou a atención foi a dun monstro que se aparecía aos veciños. Ao parecer era unha besta feroz, con corpo humano e aspecto de lobo enfurecido, o mesmísimo lobishome da Costa da Morte, que se aparecía nas noites de lúa chea, no medio da bruma, a veciños e visitantes. Dicíase que só atacaba ás persoas malas, pero non coa intención de arrebatarlles a vida, senón coa de facerlles pagar polos seus malos actos. Todo aquel que non se sometese á súa vontade sería castigado co desterro eterno nas profundidades do inferno. A Francisco, O Farruco, aparecéuselle un día que estaba coas vacas no prado grande. O home sempre estaba a chancear con todo o mundo, máis ben gastando bromas pesadas que facían que os veciños se enfadasen entre eles. Tamén andaban cambiando marcos de sitio, queimando palleiros, soltando as vacas das cuadras... Eran as seis da tarde do mes de decembro e sentiu un ruído que procedía da maleza. Pero non era un xabaril, o que se lle apareceu de súpeto foi unha criatura duns cinco metros de altura, cos ollos vermellos e unhas gadoupas como as dun oso. Abalanzouse sobre el e aparvouno completamente.

Cando recobrou o sentido, se se pode dicir que algunha vez o tivera, atopábase nunha fría e húmida cova, chea de ósos de todo tipo, atado de pés e mans, e coa terrible figura desa criatura facéndolle sombra. Era o Vákner! A lenda fixérase realidade e dicíalle cunha voz terrible:

—Farruco, vas pagar por todas as maldades que levas facendo! Sei quen es e vou acabar contigo!

Farruco, arrepiado, non puido conter os «desintereses» e perdeu o coñecemento. Para cando o puido recobrar estaba no medio do prado de antes, en panos menores e cunha inscrición na fronte: Vákner. Nunca máis se soubo de que O Farruco armase leas entre veciños ou danzas de ningún tipo. É máis, fíxose sancristán e devoto á Virxe das Neves, a onde cada día acudía a pedir protección para que aquel terrible monstro non lle volvese facer das súas. A lenda do Vákner segue viva, aínda que eu creo que máis que o Vákner, o que sucedera foi que O Farruco se pasou co licor café.

4. CUARTO PREMIO PRIMARIA. O Vákner, de Nadia López Guisande (Peleteiro de Santiago)

Nos escuros bosques de Dumbría, onde as presenzas malignas andan ás súas anchas, non queda nada de esperanza en que os seres humanos poidamos pasar por alí sen ser atrapados polo arrepiante e horrible Vákner. O Vákner é unha criatura que atrapa o medo e vólveo contra as persoas, sen que elas se decaten, ata que cheguen ao lugar preferido da besta, onde hai cinco carballos en forma de estrela. Alí, o monstro pode rodealos e que non teñan escapatoria. Para el é importante, xa que o carballo é o seu símbolo. Así, por cada persoa á que lle quita a vida, caerase unha folla para marcar o seu triunfo. E iso foi o que pasou cando un grupo de amigos moi aventureiros se introduciron no tenebroso bosque. Atoparon o lugar dos rituais sagrados, pero non se decataron de todas as follas caídas alí en comparación con dous metros máis lonxe. A carón da quinta árbore había un oco inmenso, no que podía vivir un dos animais máis grandes da Terra. Decidiron entrar, aínda que non era a decisión máis acertada porque non sabían o que podía residir alí. As antigas lendas din que o Vákner ten unha cova subterránea. Parecía que podían atopar a entrada a semellante perigo que axexaba a todos os habitantes do pequeno pobo de Galicia. Non sabían como non os atrapara ata agora. Ao entrar, descubriron todos os inventos e artimañas que tiña. Tamén posuía unha máscara, o que significaba que…. De súpeto, o Vákner entrou na cova e todo acabou. Ao final, todo o mundo se deu conta do que lle pasara aos aínda pequenos nenos. Dende entón, ninguén volveu a ese bosque e o que o Vákner quere é seguir conquistando o territorio, para ter máis posesión que o pequeno bosque frondoso.

ANA GARCIA

5. QUINTO PREMIO PRIMARIA. O Vákner, de Nicolás Fernández Autrán (Peleteiro)

Esta historia que vos vou contar sobre o Vákner hai xa tempo que a escoitei aos vellos da aldea onde vivía cando eu era un cativo. O Vákner era un ser mitolóxico que rondaba polos montes de Fisterra e dicían que toda aquela xente que se metía no seu territorio non saía vivo de alí. A xente pensaba que podía ser un tipo de lobo ou un demo dos montes. A verdade, era unha incerteza, porque ninguén foi capaz de vixialo debido á súa astucia. Este diaño da natureza sabía que lle tiñan medo, pero, ao mesmo tempo, ganas de saber como era. Uns dicían que tiña un corpo enorme preto dos tres metros, outros aseguraban que tiña o corpo cuberto dunha la ruín e cheirenta, e o resto... toleaban e tremían ante tales falares. Ata o momento o máis asombroso desa tenebrosa historia segundo as lendas que deixaran vivas os antepasados, foi que só houbera unha persoa capaz de entrar nos montes de Fisterra e saír san e salva, sen unha soa ferida. Os nativos dicían que non era coñecido, senón un forasteiro duns oitenta anos, cego, que ía de paso en dirección Compostela. Sei que vos estaredes preguntando como o forasteiro logrou non ser atacado. Pois ben, cando o Vákner viu ao home sentiuse intimidado polos seus atuendos. Levaba colgado no pescozo e sostido na man dereita... Que tiñan eses atuendos? Eran máxicos? Si! Escoitades ben, deles penduraban a cuncha de vieira coa cruz de Santiago e o pau do peregrino. O forasteiro ía cara Compostela facendo o Camiño e o Apóstolo estábao a protexer. Dende ese día o Vákner volveuse no ser que sempre quixera ser, un ser máxico e agarimoso ao que agora toda a xente quería coñecer, porque a parte de protexer os montes de Fisterra, concedíalle desexos ás persoas e xogaba cos nenos.