Dumbría é todo o que estas miradas viron: galardóns de fotografía

La Voz CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

¡Inclúe álbum! O Concello entregou este sábado os premios correspondentes ao certame #DumbríaÉ, con moi boa participación

17 nov 2024 . Actualizado a las 00:23 h.

Óscar Naya, Santiago Baña, Nazaret Capelo, Leonardo Moreira, Lucía Cambeiro, Tania Matías, Mar García, Santiago Baña, Michael Grille e Mauro Louro recolleron este sábado no Conco os galardóns correspondentes ao concurso de fotografía #DumbríaÉ, impulsado dende o Concello. Non puideron estar presentes Alba Cambeiro e Uxía Pereira, mais tamén elas son parte da ducia de premiados que levan un bono de 100 euros para consumir en establecementos locais colaboradores con esta iniciativa.

Foi unha mañá de familia e tamén de emocións, cuns galardoados que destacaron a fotoxenia do territorio dumbriés, ben con recunchos aínda por descubrir ou con outros que, por máis que sexan coñecidos, sempre poden ofrecer novas caras. Paisaxe, patrimonio, tradicións... en Dumbría hai moito que contar fotograficamente, e non só o fixeron veciños do Ézaro, de Berdeogas ou de Buxantes, entre outros puntos, senón tamén ollos chegados de fóra. De Culleredo ou Narón, por exemplo.

Raúl González, alcalde, e María Lema, concelleira de Cultura e Turismo, ademais de membro do xurado, interviron nun acto no que tamén entregaron galardóns os concelleiros María Agulleiro e Faustino Suárez, ao igual que o xurado. Integraron o equipo encargado das valoracións, ademais, as técnicas Ana Casais e Ada González, así como o xornalista Santiago Garrido. Analizaron 150 imaxes distintas.

#DumbríaÉ é un concurso nacido no seo das redes sociais, detido coa pandemia e retomado este ano con forza máis alá das redes, con máis peso. Un xeito, segundo trasladan, de devolverlle algo a todas esas persoas que promocionan Dumbría compartindo as súas imaxes en plataformas diversas, entregándolle bonos que reverterán na economía local.