Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Abril de libros» nas cinco bibliotecas de Dumbría

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

DUMBRÍA

Ángel Manso

Haberá actividades na Semana Santa e en torno ao Día do Libro. Procuran «espazos vivos» e chaman á participación

02 abr 2025 . Actualizado a las 19:52 h.

Vén de comezar un novo mes e con el, tamén, un novo Abril de Libros nas cinco bibliotecas de Dumbría: O Ézaro, Olveira, O Conco, Berdeogas e Buxantes. Ciencia, música, monicreques, letras, arte e, por suposto lectura, dinamizarán estes espazos ao fío da celebración do Día Mundial do Libro e o Dereito de Autor (23).

Nin sequera por Semana Santa descansarán as bibliotecas, pois entre o luns 14 de abril e o mércores 16 haberá nelas diversos obradoiros de animación, que pasan por facer un marcapáxinas, converterse en bibliotecario ou bibliotecaria por un día, escribir e deseñar un conto propio, afiar a destreza mental ou xogar coas palabras. Tamén nestas xornadas, as cinco bibliotecas acollerán talleres de manualidades con madeira, coa temática da Pascua e da man de Muxiarte, unha proposta que chega a Dumbría baixo o paraugas do Plan Corresponsables, Igualdade da Xunta.

Ler Conta Moito

Rematado xa o período vacacional, chegará a Abril de Libros, actividades programadas a través do programa Ler Conta Moito, da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Están adheridos a ela, e é un caso certamente singular sendo Dumbría un municipio rural, todas as bibliotecas deste concello. «Mantemos a política de apertura destes centros á cidadanía que vimos marcando dende hai moitos anos, procurando que non sexan vistas como meros contedores de libros», detallan dende o consistorio. O acceso a todas as actividades é libre e gratuíto, ata completar aforo. Dende Dumbría convidan aos veciños a facer uso dos fondos bibliotecarios, contribuíndo así á viveza destes centros. No que respecta ao programa:

  • Luns 21 de abril, 18.00 horas, biblioteca de O Ézaro. Bestiario animal, con Pedras de Pepel: manualidades.
  • Martes 22 de abril, 18.00, biblioteca de Berdeogas. Obradoiro de monicreques con calcetín, con Galitoon.

Galitoon, hai uns días en Vimianzo, coa obra «Facendo o indio»
Galitoon, hai uns días en Vimianzo, coa obra «Facendo o indio» BASILIO BELLO

  • Mércores 23 de abril, 11.30. Na biblioteca do Conco, visita de Lydia Botana, ou Bolboreta, multiinstrumentista e pedagoga musical que conmemorará en Dumbría o Día do Libro (imaxe superior). Chega a través da Deputación.
  • Xoves 24, 18.00 horas, en Buxantes. O mundo de cores e Roque e Lía, con Paula Suárez. Contacontos e obradoiro.
  • Venres 25, 18.00, en O Conco. Tatá Teatro: As Josefas.
  • Luns 28, 18.00, en Olveira. Espectáculo Ciencia máxica, con Especialistas Hípica Celta.