«O Vákner e o misterio que o arrodea é un bo motivo para descubrir Dumbría»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

Rodrigo Costoya fixo o Camiño a Fisterra por vez primeira no 2002
Rodrigo Costoya fixo o Camiño a Fisterra por vez primeira no 2002 ANA GARCIA

A viva voz | Nunca tal pensou, di o padriño do certame Territorio Vákner. Rodrigo Costoya trunfa con «El siglo del milagro»

03 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Rodrigo Costoya (Torrelavega, 1977) era daqueles nenos aos que os pais lles tiñan que apagar a luz pola noite para que deixasen de ler. Esa absoluta paixón está detrás da súa escrita, á que agardou tempo para entregarse. «Empecei un luns, acórdome ben, e propúxenme chegar ao venres», ri. Foi en outubro do 2020, a piques agora de cumprirse cinco anos, cando publicou a súa primeira novela para gran público. Neste lustro, contou en Radio Voz en conversa coa libreira Belén Edreira e con Fran Rodríguez, pasáronlle cousas «incribles», e unha delas é ser padriño do certame literario Territorio Vákner, convocado por La Voz e Concello de Dumbría, con prazo aberto ata o día 15 de outubro: «Nunca tal pensei. Estou desexando que chegue a entrega de premios, para coñecer e compartir tempo cos autores dos textos». Confésao entre clase e clase, pois Rodrigo é de profesión docente: «Encántame este traballo». O de Costoya é a novela e ficción histórica, con absoluto dinamismo, documentación e un xeito de contar que engancha.

—Ten pronta visita a Carballo.

—Si, o día 10, na libraría Clarión [falará da súa traxectoria e da súa última obra, O século do milagre, tamén dispoñible en castelán, nun encontro co Pedro Feijoo e Rober Cagiao]. Estamos encantados con esta última novela en venda e críticas, unha obra que saíu en febreiro e que cada día está máis viva. Foise estendendo a historia que conta, xerando máis e máis interese. A editorial fixo unha aposta ben forte, cunha tirada bastante potente, pero «aí-aí» estamos agora para outra edición.

—Que atopou de revelador na documentación desta obra?

—Que todo o que é Compostela, todo o que é o Camiño hoxe, con todo o que move e implica, se debe a un só home, Diego Xelmírez. En Santiago o seu nome é coñecido, non tanto a súa figura, pero foi el o que quixo que o mito trunfase sobre a verdade histórica. Naceu no 1068-1070: canto tempiño pasou e onde estamos!

—Que opinión lle merece un certame literario en torno ao Vákner?

—En Dumbría fanse cousas ben chulas. Coñezo a zona, coñezo o Camiño a Fisterra, fíxeno por vez primeira no 2002, cando aínda non había case ninguén. Usar a figura do Vákner, non só para este certame, senón para todo o resto, é unha desas cousas atractivas e acertadas que se fan en Dumbría, co seu cachiño de mar e o resto de territorio que é marabilla pura de natureza e historia.

—O que pode dar de si unha crónica como a do bispo armenio Mártiros! Século XV, menciona o Vákner...

—Falamos dun documento un tanto confuso, no que aí está esa palabra, Vákner. Non parece moi galega, máis ben semella que a traería este armenio con el, é algo estraño, pero é precisamente iso o que lle dá tanto interese á figura. Temos ademais a súa escultura [a do monstro], preto da capela das Neves, do Hospital... O Vákner e o misterio que o arrodea é un bo motivo para descubrir Dumbría.

—Anime a participar.

—O certame ten categoría escolar e para maiores de 16 anos, para calquera persoa que desexe participar. Sempre animo a todo o mundo a escribir, non é só unha forma de expresión, senón un modo de curar, de coñecernos, de explorar espazos interiores. Adiante! Que poden perder presentándose a este certame?

—A Costa da Morte é literaria.

—Aí está a grandísima produción literaria que sempre houbo nela, e que segue habendo. Unha das meirandes figuras da nosa cultura e literatura era pontecesán, Pondal, o gran literato da Costa da Morte. O himno de Galicia, Os Pinos, fala dunha costa verdescente, e esa costa non é outra que a Costa da Morte. Polo tanto, a categoría literaria do territorio está fora de toda dúbida: na miña opinión, non hai sitio máis poético e literario no mundo enteiro.

—Publica nas dúas linguas.

—En castelán estreeime con El custodio de los libros, porque gañou o certame de novela histórica de Úbeda. Pero xa antes estaba Portosanto, que se publicou nunha editorial de Noia, Toxosoutos, pequeniña e xeitosa, unha novela histórica en galego, que parecía non ter máis percorrido, pero que vai pola sexta edición. El custodio tamén é unha historia galega 100 %, pero á hora de publicar, e noutros eidos, todo nolo fan máis difícil en galego. Dende a literatura seguimos loitando, sendo bastión de resistencia a prol da lingua. Temos que mantela viva. Se non está nas notarías, nos camposantos, na literatura ou na informática, é que non está, é que está relegada a un segundo plano. No editorial é francamente complicado. E no meu caso, teño que dicir, traduzo eu. Sei que hai tradutores boísimos, pero un texto literario ten que soar como música celestial na cabeza do autor. Non podo deixar nin unha soa frase ao criterio doutra persoa. Xa me traducirán ao ruso ou ao árabe! [ri].

 PARA SABER MÁIS DO CONCURSO...

Todas as condicións e procedementos de envío, aquí